A Deputación estreará este domingo un novo audiovisual centrado na sustentabilidade do destino Rías Baixas #PontevedraProvincia. A estrea coincide coa celebración do Día Mundial do Turismo, adicado este ano ao desenvolvemento do mundo rural.
Carmela Silva adiantou que o vídeo, «mostra a marabillosa natureza que temos no territorio, tanto de costa como de interior«. O mesmo enmárcase na campaña de difusión «Sigue o teu instinto» e reflicte a «defensa do medio ambiente na liña do turismo seguro, responsable, de preservación do patrimonio, das experiencias e da posta en valor do local».
O audiovisual poderase ver este domingo nas webs da Deputación e de Turismo Rías Baixas e nas redes sociais corporativas.
A presidenta recoñeceu que a celebración chega nun momento «difícil» debido á pandemia, co sector turístico moi afectado, con entre 100 e 120 millóns de empregos en perigo, e cunha perda do PIB mundial.
«Aínda así, sinalou, co noso audiovisual queremos enviar unha mensaxe de optimismo, porque temos que ser optimistas e porque a propia pandemia tamén se presenta como oportunidade para sumar sinerxías e reiniciar o turismo».
«Estamos convencidas de que o rural ten futuro e que o turismo pode ser un alicerce moi relevante para ese futuro, para coa preservación e o coidado xerar actividade, fixar poboación e crear emprego», engadiu.

Comeza a campaña de outono «Sigue o teu Instinto»
En relación coa promoción anual do destino 2020, Carmela Silva informou que a próxima semana comezará a campaña de outono de «Sigue o teu instinto». A mesma ten coma obxectivo «levar o nome desta provincia por todos os recunchos como un destino seguro, responsable, sostible e cheo de experiencias». A presidenta desexou que «ogallá teña o mesmo alcance que o que obtivemos este verán que foi espectacular con máis de 24 millóns de impactos cando agardabamos 2o millóns a finais de ano».
