Galicia

@QueremosGalego convoca concentracións en toda Galicia ante a «emerxencia lingüística» na que se atopa o galego

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 600 entidades, chama a cidadanía galega a mobilizarse nas sete cidades galegas a quinta feira (xoves) 19 de decembro, ás 20h, «en resposta á situación de emerxencia lingüística que amosan con claridade datos como os do IGE» e para «reclamar que a Xunta cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa».

O lema da convocatoria será ‘Emerxencia lingüística. Precisamos do galego,’ e terá lugar nas 7 cidades galegas simultaneamente. En Santiago, na Praza do Toural; na Coruña, no Obelisco; en Ferrol, na Praza Amada García (diante da delegación da Xunta); en Lugo e en Ourense, na Praza Maior; en Pontevedra, na Praza da Peregrina; e en Vigo; na Praza da Princesa.

«A evolución dos datos de uso e coñecemento do galego son alarmantes», afirma o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. As taxas de incapacidade para falar galego entre a poboación menor de 15 anos son as máis altas da historia, consolídase a ruptura interxeracional e aumenta o número de persoas que se senten na obriga de mudar de lingua.

«Perante esta situación, reiterada en inumerábeis ocasións pola plataforma Queremos Galego e confirmada polo Comité de expertos e polo Comité de Ministros do Consello de Europa», recorda Maceira, «a única política da Xunta é a agresividade e, segundo os expertos do Consello de Europa, incumprir a Carta e non realizar ningunha acción lexislativa ou política para o facer, nomeadamente no ámbito do ensino».

«Se Feijóo tivese un mínimo de respecto por Galicia e pola institución que representa», asegura o voceiro de Queremos Galego, «xa tería derrogado hai anos o decreto contra o galego». A resposta da sociedade galega continúa activa e de novo co respaldo da máis relevante institución internacional europea para a defensa da democracia e dos dereitos humanos, como é o Consello de Europa.

A plataforma lembra que o informe dos expertos non só afecta á Xunta. O Estado ten que garantir o cumprimento da Carta que el mesmo ratificou, nomeadamente nos ámbitos que son da súa competencia. Neste sentido, a entidade recorda que as dificudades de uso do galego na xustiza ou na administración xeral do Estado deben ser resoltas, comezando por garantir o coñecemento de galego de todo o funcionariado estatal destinado en Galicia.

«A situación é de emerxencia e o galego é necesario para o desenvolvemento cultural, social, económico e humano de Galicia», recordan: «Precisamos do galego para Galicia existir «.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.