Ciencia y Tecnología Galicia

A Unidade de Enfermidades Autoinmunes da Área Sanitaria de Vigo, distinguida, de novo

Recibe, unha vez máis, a ‘Certificación 3b’, unha distinción coa que contan só 9 unidades en todo o Estado e que distingue a súa asistencia, investigación e tarefa docente

A Unidade de Enfermidades  Autoinmunes  Sistémicas (EAS) do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo mantense ao máis alto nivel de recoñecemento nacional como amosa que recibise, de novo, a máxima acreditación clínica que se outorga no país dentro da súa especialidade. Unha certificación que xa dispoñía desde o ano 2013 e que agora revalida.

Trátase da acreditación que concede o GEAS (Grupo de Enfermidades Autoinmunes  Sistémicas) que depende da Sociedade Española de Medicina Interna. “É a certificación que se denomina 3b, a máis alta das que se conceden a nivel nacional, e que supón que se presta unha asistencia de calidade ademais de actividade docente específica e investigadora. Xa dispoñiamos dela, pero agora tiñamos que renovala, facer de novo a avaliación para comprobar que seguimos en parámetros de excelencia, e conseguímolo”, explica o responsable da Unidade, o doutor Alberto Rivera.

Nestes momentos, só hai 9 Unidades en España que dispoñen dese tipo de acreditación. “Este dato é importante; é destacable que o CHUVI conte con este dispositivo asistencial, que está entre os máis recoñecidos de España”, subliña o doutor Rivera.

Sete especialistas

A Unidade depende do Servizo de Medicina Interna do complexo hospitalario vigués e está integrada por 7 especialistas, ademais do persoal de enfermaría. Nela diagnostícanse e trátanse as Enfermidades Autoinmunes Sistémicas, que son aquelas ocasionadas polo ataque do sistema inmunolóxico propio e que afectan a múltiples órganos ou sistemas vitais.

Mantén sete consultas específicas á semana e anualmente realiza máis de 600 primeiras consultas a pacientes. Unha actividade que se complementa coas 2.300 revisións ao ano a enfermos diagnosticados con anterioridade.

Ao tratarse dun grupo de enfermidades que afectan a múltiples órganos ou sistemas, e co obxectivo de proporcionar unha atención integral ao paciente,  estes profesionais traballan de forma coordinada con outros servizos do CHUVI: Hematoloxía, Laboratorio de  Inmunoloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Cirurxía Vascular, UCI Pediátrica, Nefroloxía, Pneumoloxía e Oftalmoloxía.

Paralelamente ás consultas presenciais, a Unidade mantén abertos outros dispositivos asistenciais para facilitar unha maior integración con Atención Primaria, a consulta telefónica, e-consulta e consultas urxentes fóra de cita.

Tamén se realizan controis ambulatorios de pacientes complexos que reciben tratamento no Hospital de Día, así como consultas diagnósticas e terapias sen ingreso, en estreita coordinación co servizo de HADO.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.