Galicia

@depo_es impulsa o ‘Roteiro Tonucci’, no que participarán nenos de Lalín, O Porriño, Pontevedra, Tomiño, Vilanova de Arousa, As Neves e Tui

Con gorras vermellas co lema ‘Cidade d@s nen@s. Perdoen as molestias, estamos a xogar para vostedes’, uns cen rapaces e rapazas de 1º a 4º de Primaria participaron este luns no primeiro ‘Roteiro Tonucci’ organizado pola Deputación de Pontevedra.

Esta actividade, complementaria á exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’ que se está a desenvolver no Pazo da Cultura, pretende ser unha maneira de que pequenos e pequenas de diferentes vilas da provincia gocen da cidade de Pontevedra, considerada a cidade dos nenos e das nenas polo o pedagogo italiano, aproveitando os espazos públicos gañados ao coche.

A xornada comezou no Pazo provincial da man do vicepresidente Mosquera que, acompañado dos deputados Xosé Leal e Eva Vilaverde e da concelleira de Cultura Carmen Fouces, deu a benvida a pequenas e pequenos, aos que explicou que os políticos da cidade de Pontevedra tomaron a decisión de retirar os coches das rúas para que os nenos e nenas poidan xogar con tranquilidade. “Agardamos que moitas vilas sigan o exemplo e a pasalo ben!”, animounos. E dende entón, o grupo non tivo parada.

A compañía de teatro Migallas empezou entón a súa particular ‘función interactiva’ cos nenos e nenas que, a modo de xincana, percorreron as prazas da cidade buscando pistas, xogando, bailando e cantando ata chegar á Praza da Pedreira. A primeira parada foi a estatua dos Heroes de Pontesampaio, na Praza de España. Alí, os monitores lembraron que antes pasaban por esa praza miles de coches… “e agora celébranse as festas da Peregrina”, dixeron. A primeira proba? Pois bailar e cantar como se fosen as festas: de dous en dous, de catro en catro, de oito en oito, de dezaseis en dezaseis…

Despois tocou descansar, e sentados todos á sombra, os escolares celebraron un pequeno ‘consello dos nenos’ como o que propón Francesco Tonucci para que pequenos e pequenas aporten a súa visión da cidade e colaboren co alcalde no seu deseño. Nesta ocasión as peticións para Fernández Lores foron claras, e chegaron da man de Sofía, Roque, Iria e Martín: aínda máis sitios para xogar, máis zonas verdes, menos contaminación e máis poder de decisión para pequenos e pequenas e poder facer as cousas que lles gustan.

A seguinte praza ‘invadida’ polos nenos e nenas do CEIP Froebel foi a de Santa María. Alí correron para xogar a pillar, xogaron á roda do lobo, volveron bailar e cantar… Todo sempre con música de fondo. As adiviñas leváronos ata o cruceiro das Cinco Rúas e despois ata a praza de Méndez Núñez, onde despois de recoller unha pista na Casa dos Paraugas (unha cesta con ovos) acertaron como se chamaba antes a praza -pola actividade que nela se realizaba-: a praza das galiñas.

A xornada de mañá rematou pouco antes das dúas da tarde na Praza da Pedreira onde, divididos en grupos, os pequenos e pequenas realizaron diferentes xogos tradicionais: peletre, birlos, chave, corda, caixas, barquiños de papel… Xa pola tarde, o grupo de 100 escolares visitou a exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’ que está no Pazo da Cultura. Alí coñeceron as viñetas máis significativas de Francesco Tonucci e participaron en obradoiros de bicicleta, construcións, xogos e natureza realizando moitos experimentos e actividades.

Está previsto que nas vindeiras semanas participen tamén dos roteiros Tonucci da Deputación escolares de Lalín, O Porriño, Pontevedra, Tomiño, Vilanova de Arousa, As Neves e Tui, entre outras localidades. Todos eles súmanse aos visitantes da exposición do Pazo da Cultura, que estará aberta ata o 11 de xuño con visitas concertadas con centros escolares e tamén permite o acceso de xeito gratuíto todos os días da semana a toda a cidadanía. A mostra é unha compilación de viñetas de Frato e un grande (1.500 metros cadrados) campo de xogos e experimentación para os e as máis pequenos.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.