A plataforma Queremos Galego, que abrangue a decenas de entidades que traballan na defensa e promoción do idioma, convocou unha nova marcha para o próximo 17 de maio que percorrerá as rúas de Compostela.
O lema escollido para a mesma é, ‘O Galego sen límites’, co pretende visibilizar a implicación cada vez maior a favor da lingua, e de «evidenciar a cantidade de obstáculos» que experimenta calquera cidadán que aspire a «vivir en galego con normalidade».
Marcos Maceira, presidente da Mesa e portavoz da plataforma, subliñou en rolda de prensa que «cada vez hai máis mobilización social» en defensa do idioma, e que «hai sectores moito máis amplos» que se implican nesta tarefa.
Unha situación, engadiu, que se produce en paralelo ao «apartheid lingüístico» que padece Galicia, a través da «exclusión sistemática» do idioma en distintos ámbitos, como a propia administración.
Maceira referiuse a que a propia normativa, como a lei de Transparencia, «obriga a institucións galeguizadas como os concellos a publicar documentación en castelán».
