Galicia

A Xunta promove os contratos de formación e aprendizaxe para menores de 30 anos con baixa cualificación

A directora xeral de Emprego e Formación adiantou este venres en Pontevedra que a Xunta está a reforzar os contratos de formación e aprendizaxe, que ofrecen aos mozos ao mesmo tempo formación e inserción laboral, cun salario acorde ao convenio colectivo.

Ana María Díaz López subliñou que están dirixidos a menores de 30 anos en situación de desemprego, e especialmente deseñados para aqueles que teñen unha baixa cualificación. E, por iso, a actividade formativa ocupa, como mínimo, o 25% da xornada laboral.

Díaz explicou que dende Traballo estanse a financiar de forma voluntaria e pioneira todas aquelas actividades de formación que excedan o 25% da xornada laboral e que, ata o momento, tense asinados 55 contratos nos que se investiron 160.000 €. Trátase dunha modalidade que se segue a impulsar e incentivar neste exercicio.

A directora xeral avanzou que esta medida forma parte do Plan de emprego xuvenil que ao longo deste ano o Goberno galego porá en marcha, dotado con preto de 100 millóns de euros e que, con esta iniciativa, prevese beneficiar a 95.000 mozos e mozas menores de 30 anos ata 2015. A responsable de Emprego lembrou que os mozos e mozas con escasa ou nula cualificación, supoñen o 60 % do total do desemprego da mocidade galega.

Díaz asegurou que xa está lista a posta en marcha de novos incentivos de contratación, que consistirán en axudas de 200 € mensuais ata o límite dun ano; un novo incentivo para apoiar o contrato de formación e aprendizaxe consistente en ata 100 € mensuais, e ata un máximo de 12 mensualidades; e a formación de mozos e mozas desempregados de baixa cualificación en centros educativos, grazas a un acordo entre os departamentos de Traballo e Educación.

 

También te puede interesar