Vigo al minuto

Os sindicatos aseguran un 80% de seguimento na folga de Povisa e o centro fala dun 15%

Segundo o Comité de Empresa, o paro indefinido convocado no hospital Povisa de Vigo para “rexeitar a intención da empresa de precarizar no novo aínda máis as condicións laborais do cadro de persoal no novo convenio”, rexistra un seguimento superior ao 80%. Os sindicatos indican que Inspección de Traballo reclamoulle á empresa que cumpra os servizos mínimos tras a denuncia dos traballadores, que constataron como “a dirección está a mover persoal incluso de unidades prioritarias”.

A folga no centro médico privado vigués fíxose visíbel dende primeiras horas da mañá no exterior do edificio principal da rúa Salamanca, onde se concentraron centos de traballadores para informar dos motivos do paro ao resto de compañeiros e a veciños e usuarios.

Pola súa banda, o comité de folga, que percorreu dende ben cedo os distintos servizos para velar polo cumprimento dos servizos mínimos pactados, denunciou que “a compañía está a cambiar persoal incluso de unidade prioritarias como a UCI para outras como dixestivo”.

Segundo manifestaron dende a sección sindical da CIG en Povisa, “isto confirma o éxito do paro” fronte ao 15% de seguimento que sostén a dirección,  “xa que a empresa estase a ver obrigada a cambiar de lugar a xente que está en servizos mínimos porque non acudiron compañeiros a traballar”.

Os traballadores celebraron unha asamblea no exterior do centro para abordar o desenvolvemento do paro e marcar novas liñas de actuación. Os afectados estaban convocados, de novo, este martes diante do centro médico a partir das 6.30 horas.

A presenza policial foi constante durante toda a xornada e ducias de axentes custodiaron as entradas das distintas instalacións que a empresa posúe na cidade a pesar de que non se produciron incidentes. Foi na porta principal do centro médico Povisa onde máis policía se concentrou e no lugar permaneceu estacionada ao longo do día unha furgoneta con varios axentes.

 

También te puede interesar