Naval en loita/Tresyuno Comunicación

Asamblea celebrada diante da Axencia Europea de Pesca en García Barbón/Tresyuno Comunicación

Centos de traballadores dos asteleiros de Vigo, tomaron este xoves o centro da cidade, á mesma hora na que o vicepresidente da Comisión Europea recibia en Bruxelas ao ministro de Industria, o presidente da Xunta e os representantes da patronal, do Naval, Pymar, e aos secretarios de Comisiones Obreras e Unión General de Trabajadores para falar das devolucións do tax-lease.

A concentración desta mañá é o anticipo da manifestación convocada para as 8 e media da tarde (dende a Praza da España) para amosar o apoio cidadán ao sector que, como salientaron os representantes das centrais sindicais, está nun intre “crítico” que pode acabar nunha “sentenza de morte se finalmente Joaquín Almunia – que xa fixo perder aos asteleiros galegos en xeral e particularmente aos da Ría centos de millóns de euros e milleiros de postos de traballo – non retifica a súa postura.

Nun percorrido por Policarpo Sanz, Colón, Urzáiz, Lepanto e baixada da Estación, para rematar diante da Axencia Europea de Pesca, os traballadores, entre petardos e berros de “Almunia, escoita o Naval está en loita!”, “Europa foi a nosa ruina!”, “Onde están non se ven os barquiños do PP!” ou “Almunia, cabrón traballa de peón!”, os manifestantes amosaron a súa indignación posa postura do comisario da Competencia e pola da Unión europea que, coma sinalaron os membros dos sindicatos, “falan de reindustrializar e ao mesmo tempo queren acabar con preto de 87.000 postos de traballo”.

Os traballadores fixeron un chamamento a participar, “de xeito incontestable” na manifestación deste xoves “para amosar a este páxaro, ao que xa imos coñecendo, que toda a cidadanía de Vigo, que toda a cidadanía de Galicia apoia a un sector clave para a supervivencia da Ría”. “Hoxe imos dar o primeiro paso para que o día 18 poidamos seguir construindo barcos, que é que sabemos facer porque o levamos facendo toda a vida”.

Concentración diante da Axencia Europea de Pesca/Tresyuno Comunicación

Nunha asamblea diante da axencia de Pesca, na que foi pendurada unha das pancartas que encabezaban a concentración, con lema ‘Europa, escoita o Naval esta en loita’, e unha bandeira negra con oito estrelas, “unha por cada un dos asteleiros de Vigo”, os voceiros sindicais pediron a os asistentes que convencesen a todo o mundo de que vaia a manifestación desta tarde, “porque estámonos xogando o futuro, o noso, o dos nosos fillos e o de toda a comarca”.

 

También te puede interesar