Galicia

O 061 pide precaución na estrada e da consellos de como actuar en caso de accidente

Urxencias Sanitarias de Galicia-061, reitera un ano máis o seu consello de precaución nos desprazamentos nas estradas tanto aos condutores como aos peóns ante o inicio das vacacións de Semana Santa e no que se prevé un notable incremento do número de desprazamentos por estrada ata o vindeiro domingo 8 de abril.

Durante as mesmas datas do ano pasado se rexistraron dúas vítimas mortais, os accidentes de tráfico constitúen a primeira causa de mortalidade prematura entre a poboación galega, especialmente entre os novos, entre 20 e 34 anos, que constituíron o 45% das 140 persoas atendidas na Semana Santa de 2011. Os atropelos constitúen tamén en ocasións a causa dos accidentes de circulación e a súa imprudencia pode custarlles a vida. Por iso, lémbrase aos peóns moita precaución nos seus desprazamentos por lugares próximos ás estradas. Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Semana Santa do ano pasado a un total de 140 persoas debido a 97 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas.

Recomendacións ante un accidente

Se  te atopas cun accidente na estrada é fundamental que saibas como actuar. Fundamentalmente, se trata de evitar que tanto o número de feridos como de vítimas aumente. O máis importante é avisar aos servizos de emerxencia canto antes. Por isto, deberás marcar o 061 o máis axiña posible, ao tempo que extremas as precaucións para protexerte a ti mesmo e ao resto de condutores e peóns.

No caso de que non saibas como actuar é preferible que non interveñas e que non mobilices os feridos, xa que poderías agravar as súas lesións. Sigue as instrucións dos profesionais da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias 061. Informa do lugar exacto do sinistro, do número de vehículos implicados, así como do número e o estado aparente dos feridos. Así, poderanse enviar os recursos sanitarios necesarios adecuados á gravidade do suceso.

Aparca o teu vehículo nun sitio que consideres seguro e afastado do accidente. Prende as luces de emerxencia, ponte roupa reflectinte e sinaliza o lugar do sinistro 200 metros antes e despois.  Apaga as luces e retira as chaves do vehículo sinistrado. Considera a posibilidade doutros perigos engadidos como incendios ou desprendementos de gases.

Lembra que mentres esperas a chegada dos vehículos especializados, a túa axuda pode ser de grande utilidade se sigues as indicacións telefónicas do persoal da Central de Coordinación do 061. Mantén a tranquilidade en todo momento e non te deixes impresionar pola situación.

Se algunha das persoas implicadas no accidente tivera unha hemorraxia, comprime fortemente a zona cun pano limpo intentando evitar o contacto directo co sangue. Recorda manter os feridos nunha posición cómoda e abrigados, movéndoos o menos posible.

 

También te puede interesar