Galicia

Os galegos temos que decidir este 29N entre o ‘voto útil’ do PP, a ‘remontada’ do PSOE e a aposta do BNG polo ‘autogoberno’

Rueda pide concentrar o voto en Feijóo, Besteiro busca mobilizar a esquerda e Pontón reclama máis forza para Galicia en Madrid

Os galegos temos que decidir este 29N entre o 'voto útil' do PP, a 'remontada' do PSOE e a aposta do BNG polo 'autogoberno'
Os galegos temos que decidir este 29N entre o ‘voto útil’ do PP, a ‘remontada’ do PSOE e a aposta do BNG polo ‘autogoberno’

María L. García | vigoalminuto

A campaña das eleccións xerais remata este venres cunha batalla a tres bandas en Galicia. O PP pide concentrar o voto para acabar co Goberno de Pedro Sánchez, o PSdeG intenta mobilizar o electorado progresista para evitar unha vitoria da dereita e o BNG presenta estas eleccións como unha oportunidade para aumentar o peso político de Galicia en Madrid.

Son tres maneiras de pedir o voto. E tamén tres modelos distintos para a comunidade.

O domingo 29 de novembro están chamadas ás urnas máis de 2,7 millóns de persoas en Galicia. A disputa pola Moncloa condiciona boa parte dos discursos, pero a campaña deixa tamén cuestións que afectan directamente ao territorio: o financiamento autonómico, a AP-9, o futuro do ferrocarril, a vivenda, os servizos públicos e a capacidade de Galicia para decidir sobre os seus propios recursos.

Hai unha diferenza significativa entre as tres propostas. O programa do PP apenas incorpora referencias específicas a Galicia. Nesta liña, o PSOE presenta medidas de alcance estatal que poden ter efecto na comunidade, pero tampouco lle dedica un capítulo propio. O BNG, pola contra, fai do autogoberno o eixo da súa oferta electoral.


PP: Feijóo como argumento

O programa popular chámase La reconstrucción nacional e reúne 249 propostas. Non dedica un apartado específico a Galicia nin menciona expresamente cuestións como a AP-9, Alcoa ou o sector lácteo. Unha das poucas referencias directas á comunidade aparece vinculada ao porto de Vigo, onde o PP propón instalar equipos avanzados para inspeccionar contedores procedentes de rutas de risco e combater o crime organizado.

Este documento aposta por acelerar os tramos pendentes dos corredores ferroviarios, entre eles o Atlántico, dentro dun plan de investimentos de máis de 300.000 millóns de euros en quince anos. Tamén propón un pacto nacional da auga con ata 40.000 millóns de euros ata 2030.

No financiamento autonómico, o PP defende negociar un novo modelo, pero sen saír do réxime común. Rexeita os sistemas singulares acordados bilateralmente e unha condonación xeral da débeda das comunidades. A súa proposta pasa por reforzar o papel da Administración Xeral do Estado e preservar a unidade da Axencia Tributaria e da caixa única da Seguridade Social.

A lingua é outro dos puntos de fricción. Segundo a informacións publicadas estes días, Feijóo comprométese a impedir o uso das linguas cooficiais no Congreso e a reforzar a presenza do castelán nas institucións e no ensino.

Na economía, o PP promete unha auditoría do gasto público nos primeiros cen días dun eventual Goberno e unha rebaixa progresiva do IRPF para os mozos de entre 18 e 35 anos. A proposta prevé unha exención total o primeiro ano e reducións sucesivas ata o cuarto.

A vivenda ocupa tamén un lugar destacado. Os populares prometen construír un millón de pisos, reducir ao 4% o IVE da primeira vivenda para menores de 40 anos, ampliar os avais públicos e derrogar a actual Lei de Vivenda. Engaden a actualización das pensións conforme ao IPC, educación gratuíta de cero a tres anos e un pacto sanitario que incorporaría 4.500 médicos máis á atención primaria.

Pero a campaña galega do PP ten un argumento que está por riba de todos os demais: conseguir que Feijóo chegue á Moncloa.


Rueda pide concentrar o voto

Alfonso Rueda converteu o voto útil no seu principal reclamo. O presidente da Xunta insiste en que só hai unha maneira de conseguir o cambio político que propón o PP: votar pola candidatura de Feijóo.

No mitin de Teo do xoves pediu un apoio masivo para acabar cos oito anos de Goberno de Sánchez e iniciar unha etapa de «reconstrución» de España. A súa advertencia é que calquera voto que non vaia ao PP acaba favorecendo a continuidade do actual Executivo.

A mesma mensaxe repetiu en Verín, onde reclamou un último esforzo para recuperar, segundo as súas palabras, a decencia e a capacidade de xestión. En Porriño, o pasado domingo, pediu encher as urnas de «sentidiño a la gallega» e admitiu que non hai nada gañado.

O cabeza de lista popular por Pontevedra, Julio García Comesaña, tamén centrou a campaña nas promesas de Feijóo: rebaixas fiscais, máis vivenda e pensións actualizadas co IPC.


PSOE: defender o Goberno e mobilizar a esquerda

O programa socialista tampouco reserva un capítulo propio para Galicia. As referencias directas á comunidade céntranse, entre outras cuestións, na lingua e na cultura, co compromiso de impulsar a oficialidade do galego na Unión Europea. A AP-9 non aparece nas 114 páxinas do documento.

O PSOE comprométese a culminar o Corredor Atlántico e mellorar os servizos de Media Distancia e proximidade. Propón reservar 19.000 millóns de euros ata 2030 para o mantemento e a seguridade ferroviaria, ademais de investimentos en portos, aeroportos, estradas e redes eléctricas.

A diferenza co PP aparece tamén no financiamento. Os socialistas defenden un novo modelo autonómico que, segundo as súas estimacións, achegaría 21.000 millóns adicionais ao conxunto das comunidades. Tamén propoñen que o Estado asuma ata 83.000 millóns de débeda autonómica e reforzar os fondos de compensación territorial, con atención ás zonas afectadas pola perda de poboación.

Para o sector primario, o programa aposta por unha Política Agraria Común forte e unha Lei de Agricultura Familiar e Profesional. No mar, propón un plan de transición xusta para a pesca e a acuicultura, máis recursos para a Política Pesqueira Común e un reparto transparente das cotas.

A axenda social inclúe máis vivenda pública e alugueiro alcanzable, educación gratuíta de cero a tres anos, menos alumnado por aula e un reforzo do financiamento sanitario, con máis atención á saúde mental e bucodental. Tamén defende unha fiscalidade progresiva, melloras salariais, a redución da xornada laboral e a actualización das pensións.

O programa, porén, non recolle algunhas reivindicacións que si aparecen nos discursos dos seus candidatos galegos. É o caso da AP-9, cuxa gratuidade defende Abel Losada, cabeza de lista por Pontevedra, malia que non figura como compromiso concreto no documento estatal.


Besteiro busca a remontada

José Ramón Gómez Besteiro chega ao final da campaña coa vista posta na mobilización do electorado progresista. O líder do PSdeG considera posible unha remontada e pide que as mulleres e a mocidade teñan un papel decisivo nas urnas.

Tras o mitin de Pedro Sánchez en Santiago, asegurou que a remontada era posible e reclamou unha participación masiva. En Ferrol levou o debate ao futuro de Navantia, acusando a dereita e a ultradereita de querer poñer en venda o estaleiro.

En Vilagarcía presentou o PSOE como a formación que defende os dereitos da cidadanía e os servizos públicos. «Os socialistas nunca damos unha batalla por perdida», afirmou.

Pero hai unha provincia onde os socialistas teñen unha conta pendente: Ourense. Besteiro asegura que o partido está a menos de 400 votos de recuperar un segundo deputado en detrimento do PP. Por iso, pediu mobilizar ata o último voto.


BNG: o autogoberno como principal bandeira

O Bloque presenta a proposta máis diferenciada desde o punto de vista territorial. O seu programa, titulado Galiza. Dereitos. Vida digna. Agora con máis forza!, articúlase en once bloques e sitúa o autogoberno no centro da súa oferta electoral.

A principal reivindicación é un concerto económico que permita a Galicia recadar os impostos xerados no seu territorio e decidir sobre o seu sistema tributario. O BNG reclama tamén novas competencias en materias como a Seguridade Social, as relacións laborais, a enerxía e a policía.

Ese cambio de modelo tamén se traslada ás infraestruturas. O Bloque pide a transferencia da AP-9 e da AP-53, unha maior capacidade de xestión das liñas ferroviarias interiores e a creación dunha empresa pública galega de ferrocarril. Propón novas conexións entre áreas urbanas, como a liña Santiago-Lugo, e mellorar os enlaces con Portugal.

Na economía, defende unha maior presenza pública nos sectores industriais estratéxicos e unha fiscalidade máis elevada para as grandes fortunas, a banca e as empresas enerxéticas.

A vivenda é outro dos seus principais campos de batalla. O programa aposta por limitar os prezos dos alugueiros, ampliar o parque público e evitar desafiuzamentos de persoas vulnerables. En sanidade reclama un sistema plenamente público e máis recursos para a dependencia. No ensino, propón unha educación pública e gratuíta desde os cero ata os 18 anos, con presenza do galego.

O Bloque tamén quere cambios no sistema de pensións. Defende recuperar os 65 anos como idade ordinaria de xubilación, permitir a xubilación parcial desde os 61 e revisar os coeficientes que penalizan as xubilacións anticipadas. A súa proposta pasa por que Galicia asuma competencias en materia de Seguridade Social.

A política lingüística e exterior completa o documento. O BNG pide máis presenza do galego na Administración do Estado, na Xustiza e nos medios públicos estatais. En política internacional, defende a saída de España da OTAN e rexeita o envío de armas a Ucraína.


Pontón quere máis forza para negociar en Madrid

Ana Pontón presenta as eleccións como unha oportunidade para conseguir un resultado histórico e aumentar a capacidade de negociación do nacionalismo galego.

A portavoz nacional do BNG pide votar «coa camiseta de Galicia» para que a comunidade se faga valer e respectar en Madrid. Tamén advirte de que a formación non dará «nin un só cheque en branco» a ningún Goberno.

A súa campaña incorpora reivindicacións económicas concretas. Entre elas, unha tarifa eléctrica galega para abaratar a factura das familias e os custos das empresas. En Lugo denunciou a débeda en infraestruturas que, ao seu xuízo, acumulan os gobernos centrais de distintas cores políticas.

Pontón dirixiu tamén unha parte importante das súas intervencións ás mulleres. Presentou o programa do Bloque como unha proposta feminista e criticou a posición de Rueda sobre as baixas laborais.

A mensaxe de fondo é que Galicia necesita máis representación propia para negociar as súas demandas, sexa cal sexa o partido que consiga gobernar España.


Tres modelos, tres posicións sobre Galicia

A comparación dos programas deixa unha diferenza de fondo. O PP aposta por manter o modelo autonómico común, rexeita os sistemas de financiamento singulares e non incorpora a transferencia da AP-9.

Pola súa banda, o PSOE defende unha reforma do financiamento, máis recursos para as comunidades e investimentos en infraestruturas, pero tampouco recolle a transferencia da autoestrada no seu programa estatal.

O BNG propón un cambio máis profundo na relación entre Galicia e o Estado: concerto económico, novas competencias e capacidade para xestionar infraestruturas propias. A AP-9 e a AP-53 son dúas das súas principais reivindicacións.

CuestiónPPPSdeG-PSOEBNG
AutogobernoRéxime común e estándares estataisNovo financiamento e compensación territorialConcerto económico e máis competencias
AP-9Sen proposta de transferencia no programaSen proposta de transferencia no programaTransferencia da AP-9 e AP-53
FerrocarrilAcelerar os corredoresCulminar o Corredor AtlánticoXestión galega e empresa pública
VivendaUn millón de pisos e rebaixas fiscaisMáis vivenda públicaLímites aos alugueiros e máis parque público
LinguaReforzo do castelán e veto ás linguas cooficiais no Congreso, segundo El Correo GallegoOficialidade do galego na UEMáis presenza institucional do galego
FinanciamentoRéxime común e rexeitamento de sistemas singularesNovo modelo e asunción estatal de débedaRecadación e xestión tributaria propias

A campaña deixa, ademais, unha cuestión que vai máis alá dos documentos electorais: non sempre coinciden as propostas dos programas estatais coas reivindicacións que os candidatos galegos trasladan aos electores. … AP-9 é un exemplo claro.


Pontevedra: o que prometen Comesaña, Losada e Da Silva

A batalla electoral tamén ten nomes propios na provincia de Pontevedra. Julio García Comesaña, Abel Losada e Carme da Silva encabezan as candidaturas do PP, PSOE e BNG ao Congreso e trasladan á campaña cuestións que afectan directamente a Vigo e á súa área metropolitana.

As súas intervencións permiten baixar do debate xeral a asuntos concretos: a vivenda, os impostos, as infraestruturas, a autoestrada, o emprego e o futuro do sector marítimo.

Julio García Comesaña: impostos, vivenda e pensións

O candidato popular defende as principais promesas económicas de Feijóo: reducir a presión fiscal, aumentar a oferta de vivenda e garantir que as pensións se actualicen cada ano conforme ao IPC.

Comesaña pide concentrar o voto no PP para acabar cos oito anos de políticas de Sánchez, que atribúe a recortes, castigo e discriminación cara a Pontevedra.

Durante a campaña tamén levou as propostas populares ao ámbito empresarial, coas promesas de axudas, deducións fiscais e redución da burocracia para favorecer o crecemento das empresas e a creación de emprego estable.


Abel Losada: investimentos estatais e gratuidade da AP-9

O socialista presenta o Goberno de Pedro Sánchez como un aliado de Pontevedra e rexeita que a provincia estea esquecida ou discriminada polo Executivo central.

Como exemplo, cita os tres millóns de euros de fondos europeos do Ministerio de Transportes aos que renunciou a Deputación de Pontevedra polo atraso nas obras do Museo.

Sobre a AP-9, Losada defende avanzar cara á súa gratuidade. É unha posición que introduce un matiz importante: a reivindicación aparece nas declaracións do candidato, pero non figura como compromiso específico no programa estatal do PSOE.

A diferenza entre o que recolle o documento e o que defende o cabeza de lista é relevante para os electores da provincia, especialmente para os usuarios habituais da autoestrada.


Carme da Silva: Galicia, as rías e a defensa do territorio

A candidata do BNG resume a súa campaña nunha idea: «Galiza ten que ser respectada en Madrid».

Da Silva, que foi senadora por designación autonómica, defende que a presenza nacionalista nas Cortes sirva para condicionar as decisións do Goberno central e evitar que as necesidades galegas queden nun segundo plano. «Cada escano do BNG é un escano menos do PP», sostén.

Na provincia puxo o foco no sector do mar. En Cambados comprometeuse a defender que as mariscadoras queden exentas das cotas á Seguridade Social mentres non poidan traballar, e que ese período siga contando como cotizado.

A candidata tamén levou á campaña outras reivindicacións territoriais. Pide transformar a A-55 nun vial urbano ao seu paso por Mos e impedir que a ría se converta nun vertedoiro industrial. Reclama, ademais, unha presenza forte do nacionalismo para impulsar a memoria democrática e «enterrar definitivamente o franquismo».

O seu discurso insiste en que Galicia necesita unha representación que non dependa das decisións das direccións estatais. «Non hai voto máis inútil que o que non defenda os teus intereses», afirma.


OuTraS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.