Cultura

Unha inventora e unha máquina de fabricar soños chegan a Teis

Unha peza de teatro familiar para falar do risco de vivir máis no mundo dixital ca no real

A. Buendía | vigoalminuto

Unha máquina capaz de fabricar soños pode parecer un invento marabilloso. Pero que sucede cando alguén descobre que tamén pode utilizala para escapar da realidade? Esa é a pregunta que latexa en Fiadora de soños, a proposta teatral coa que a compañía viguesa O Baúl da Tía Tola convida o público máis novo —e tamén os adultos que o acompañen— a pensar sobre a amizade, a imaxinación e o uso das pantallas.

A obra parte do encontro entre dúas personaxes moi diferentes: unha inventora rosmona e unha rapaza chea de vida. As súas vidas cruzaranse grazas a unha máquina moi especial, capaz de fabricar cintas para soñar bonito. O aparello convértese así no punto de partida dunha relación inesperada, ata que a rapaza descobre que esas cintas tamén funcionan cando está esperta. A partir de aí, o que parecía un xogo abre a porta a un conflito sobre os límites entre a fantasía e a vida.

Detrás desta historia hai unha metáfora recoñecible para as familias de hoxe: o risco de quedar atrapados nun mundo de estímulos dixitais e esquecer o que sucede ao noso arredor. A compañía aborda o asunto sen converter o escenario nunha aula nin recorrer ao sermón. O humor, a poesía e o traballo artesanal da posta en escena son os recursos cos que constrúe unha historia que fala de tecnoloxía, pero que reivindica sobre todo o valor das relacións humanas.


Para maiores de 5 anos

Fiadora de soños é un espectáculo familiar recomendado para maiores de cinco anos e ten unha duración aproximada de 50 minutos. A peza está interpretada por Anna Cañadillas e Soraya Paradela, tamén creadoras do proxecto, baixo a dirección de Manuel Polo. Olga Cameselle asina a dirección coreográfica e Dani González, a escenografía. O vestiario corre a cargo de La Canalla.

O Baúl da Tía Tola, compañía nacida en Vigo en 2014, traballa na creación de propostas escénicas dirixidas á infancia. A imaxinación e a construción de mundos propios forman parte da súa identidade, cunha aposta polo emprego de materiais reciclados na elaboración de escenografías e vestiarios.

A representación será o sábado 12 de decembro, ás 18.00 horas, no auditorio do Centro Cívico de Teis, situado na rúa dos Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres, número 12. As entradas custan 10 euros e poden adquirirse a través da plataforma Ticketrona.


OuTraS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.