
María L. García | vigoalminuto
O ceo de Praia América encherase de papaventos este domingo 27 de setembro nun acto convocado polo Concello de Nigrán e a ONG Manos para el Mundo para expresar o seu apoio á poboación palestina e denunciar a situación que viven os nenos e nenas na Franxa de Gaza.
A convocatoria comezará ás 11.00 horas no aparcadoiro da antiga escola de vela e do chiringuito, onde se dará lectura a un manifesto. Media hora despois, ás 11.30 horas, os participantes iniciarán unha marcha pola praia cos papaventos ata o campo de fútbol de Lourido.
A elección dos papaventos non é casual. A organización sinala que este xoguete se converteu nun símbolo asociado á infancia palestina e á resistencia e denuncia que desde agosto está prohibido na Franxa de Gaza polas autoridades israelís, que argumentan motivos de seguridade.
Denunciar o xenocidio
O acto pretende poñer o foco tamén nos dereitos da infancia nun contexto de guerra. Concello e ONG denuncian que os menores de Gaza ven afectados non só pola violencia e a destrución, senón tamén por limitacións que afectan á súa vida cotiá e ao dereito ao xogo.
Unha vez rematada a marcha no campo de fútbol de Lourido, haberá actividades dirixidas ás crianzas, entre elas pintacaras, xogos populares, manualidades e un contacontos a cargo de Soledad García.
O alcalde de Nigrán, Juan González, defendeu a iniciativa como unha forma de trasladar ao municipio a solidariedade coa poboación palestina. «Os papaventos en Palestina son xa un símbolo de resistencia que queremos compartir en Nigrán para amosar o noso compromiso cos dereitos humanos e, polo tanto, denunciar o xenocidio», sinalou.
O Concello lembra ademais que esta non é a primeira iniciativa municipal relacionada coa guerra de Gaza. En maio de 2024, González levou ao pleno unha moción do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que preside, na que se reclamaba o fin do ataque a Gaza e a retirada das tropas israelís. A proposta saíu adiante coa abstención do PP.
Aquel posicionamento acompañouse da colocación dunha gran pancarta na fachada do Consistorio e do reparto de vinilos entre a veciñanza. Agora, Nigrán volve trasladar esa mensaxe ao espazo público cun acto centrado nun elemento vinculado á infancia: os papaventos.
OuTraS NoVaS
- El Concello prepara filtros de tráfico y posibles cortes por Navidad: estas son las zonas afectadas
- ¿Por qué la inteligencia artificial está transformando la búsqueda local en línea?
- Los personajes de Disney+ toman este sábado las calles de Vigo en un desfile gigante
- Detenido en Vigo por robar un móvil de 1.200 euros durante una cita concertada por internet
- La Panificadora, los peajes de la AP-9 , los agravios a la ciudad y la subida de los sueldos





