Cultura

Vigo fala ao mundo: unha semana para descubrir linguas e culturas sen saír da cidade

Euskera, lituano, literatura, tradución, música, xogos e actividades forman parte dun programa que culminará o sábado cun festival na Praza do Berbés

Carlos Díaz | vigoalminuto

Vigo acolle toda esta semana a terceira edición da Semana Internacional das Linguas, as Literaturas e a Tradución e do Festival das Linguas e as Culturas, unha iniciativa da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo que busca sacar á rúa o traballo desenvolvido arredor das linguas, as literaturas e a tradución e achegalo tanto ao alumnado como á cidadanía.

O programa, que se desenvolve entre o luns 21 e o sábado 26 de setembro, está vinculado a tres datas internacionais: o Día Internacional das Linguas de Sinais, que se celebra este mércores, día 23; o Día Europeo das Linguas, o 26; e o Día Internacional da Tradución, o 30 de setembro.

O gran punto de encontro será o Festival das Linguas e as Culturas, que se celebrará o sábado 26 de setembro entre as 11.00 e as 20.00 horas na Praza do Berbés e no Edificio Redeiras. A programación distribuirase en diferentes espazos e contará tamén cunha zona de xogos para crianzas durante toda a xornada.


Cursos de idiomas

A programación comeza cos cursos de euskera e lituano, que se desenvolverán de luns a xoves, entre as 18.30 e as 20.00 horas, na sede viguesa da Deputación de Pontevedra. O curso de euskera terá lugar na sala de prensa, mentres que o de lituano se impartirá na aula multiúsos. As dúas actividades son gratuítas, aínda que requiren inscrición previa.


Letras en Feminino

O mércores 23 será a quenda da xornada Letras en Feminino, ás 17.00 horas na Sala Rosalía de Castro da sede viguesa da Deputación. Ao día seguinte, o xoves 24, a actividade trasladarase á rúa do Príncipe e ao Museo MARCO coa Xornada Investiga, prevista para as 10.00 horas.

Xa pola tarde, a Casa Galega da Cultura acollerá, entre as 18.30 e as 20.30 horas, a mesa redonda “Da idea ao libro: as mans invisibles”, centrada no traballo que hai detrás da creación e publicación dun libro.


Formación do profesorado

O venres 25 estará dedicado á formación do profesorado de idiomas, cunha xornada na Escola Oficial de Idiomas de Vigo entre as 15.15 e as 20.00 horas. Segundo a organización, xa hai máis de 100 persoas inscritas.

A iniciativa está organizada pola Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e conta co patrocinio do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra, ademais da colaboración de numerosas entidades culturais, asociacións, empresas e colectivos vinculados ás diferentes comunidades lingüísticas e culturais.

A programación completa, os formularios de inscrición e toda a información sobre as actividades están dispoñibles na web da iniciativa.


OuTraS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.