Destacados Vigo al minuto

O BNG leva ao Concello un plan para recuperar o Lagares, o río que máis plásticos verte á ría de Vigo

E propón declarar todo o seu percorrido como Espazo Natural de Interese Local (ENIL)

O BNG leva ao Concello un plan para recuperar o Lagares, o río que máis plásticos verte á ría de Vigo
O BNG leva ao Concello un plan para recuperar o Lagares, o río que máis plásticos verte á ría de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclamou este venres ao Goberno municipal de Abel Caballero un cambio de rumbo na política ambiental sobre o río Lagares, co obxectivo de abandonar as actuacións «puntuais e parciais» e impulsar un Plan de Recuperación Integral que garanta a protección e valorización do principal corredor ecolóxico da cidade.

A petición chega despois do anuncio realizado nas últimas horas polo alcalde sobre unha nova actuación nun treito do paseo do Lagares, unha intervención que o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, considera insuficiente.

«É hora de pasar de actuacións puntuais e parciais a un verdadeiro Plan de Recuperación Integral do Río Lagares», defendeu Igrexas, quen cualificou a política municipal actual de «parcheo e postureo» e reclamou unha folla de ruta con planificación, recursos e obxectivos concretos.


Un río marcado pola contaminación

A fronte nacionalista sostén que o Lagares é un dos principais activos ambientais de Vigo, pero advirte de que continúa sufrindo unha elevada presión contaminante.

Neste sentido, Igrexas lembrou os datos do último estudo da organización The Ocean Cleanup, segundo os cales nove de cada dez toneladas de plástico que chegan á ría de Vigo proceden do río Lagares.

«O principal curso fluvial de Vigo non pode seguir sendo tratado como unha grande cloaca», afirmou o portavoz nacionalista, quen advertiu de que, segundo eses datos, o Lagares é o río galego que máis residuos plásticos achega ao mar, mesmo por riba doutros de maior caudal como o Miño.

O BNG tamén denuncia a persistencia de vertidos ilegais e dos chamados «alivios técnicos» da estación depuradora de augas residuais (EDAR), que, segundo a formación, provocan o vertido de millóns de litros de augas sen depurar.


Máis medios para controlar os vertidos

Entre as medidas que propón o BNG figura o reforzo dos medios humanos e materiais destinados á prevención e control da contaminación.

A formación aposta por implantar un sistema de telecontrol e videovixilancia en tempo real, así como por intensificar as inspeccións nos puntos de vertido que considera máis problemáticos.

«Fronte a esta inactividade, desde o BNG esiximos medidas con luces longas que vaian para alén do titular inmediato», asegurou Igrexas.


Proposta para protexer todo o río

Outra das iniciativas defendidas polos nacionalistas consiste en declarar como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) todo o percorrido do río Lagares, desde o seu nacemento na lagoa de Mol, en Cabral, ata a súa desembocadura en Samil.

O BNG considera que esta figura permitiría garantir unha protección integral dos seus 17,5 quilómetros, favorecendo a recuperación ecolóxica e consolidando o río como unha infraestrutura verde esencial para a cidade.

«Vigo necesita unha estratexia ambiental seria e con ambición. É o momento de recuperar e dignificar o río Lagares dende unha aposta firme pola sustentabilidade», concluíu Igrexas, quen reivindicou que «o futuro de Vigo só pode ser verde».

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.