A bandeira do Orgullo xa luce na fachada da Casa do Concello do Porriño, un xesto de visibilidade que marca o inicio da programación de O Porriño Orgulloso 2026, unha iniciativa coa que o municipio reafirma o seu compromiso coa diversidade, a inclusión e a defensa dos dereitos LGTBI+.
As actividades desenvolveranse o domingo, día 28, e o martes 30 de xuño cun programa que combina celebración, arte, música, humor e reflexión social.
Doming0, 28
O domingo 28 de xuño, a partir das 20.30 horas, a praza Antonio Palacios converterase no escenario principal dunha noite dedicada ao Orgullo. A programación abrirase coa actuación da drag queen Marlen Soto, unha proposta que combina espectáculo, humor e reivindicación. Detrás do personaxe atópase Oliver Santiago, un artista de 31 anos con máis dunha década de traxectoria no mundo do transformismo e recoñecido por acadar diversos premios en Canarias, unha das comunidades onde esta disciplina artística conta con maior tradición e seguimento.
A continuación, o dúo Hermen & Gildo presentará un monólogo centrado na igualdade e na diversidade afectivo-sexual. A proposta aborda desde o humor cuestións relacionadas cos dereitos LGTBI+ e os desafíos que aínda persisten na sociedade actual.
A música será a encargada de pechar a xornada da man de O Xoán, artista galego que recentemente foi recoñecido co Premio Mestre Mateo ao Mellor Actor polo seu papel de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao na película «Antes de Nós». Paralelamente á súa carreira interpretativa, desenvolve un proxecto musical propio caracterizado por un pop emocional, performativo e contemporáneo.
Durante a actuación presentará en directo «Fállame a chola», un tema de pop electrónico en galego que aborda cuestións como o desexo, as contradicións persoais e a liberdade de mostrarse tal e como un é. O sinxelo, publicado coincidindo co Mes do Orgullo, está acompañado dun videoclip protagonizado por seis coñecidas drag queens galegas: Moira Lutar, Yasmine Lutar, Syndra, Liteah, La Kristopher e Ashley Ferreira.
Martes, 3o
A programación continuará o martes 30 de xuño coa charla «Diversidade para todes», unha actividade aberta á cidadanía que pretende crear un espazo de diálogo e reflexión sobre identidade, diversidade e dereitos.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliña que esta iniciativa busca contribuír á construción dunha sociedade máis inclusiva, plural e respectuosa. Segundo subliñou, o Orgullo é unha celebración, pero tamén unha reivindicación da igualdade, da visibilidade e dos dereitos das persoas LGTBI+.
Con esta programación, O Porriño súmase un ano máis ás actividades organizadas en diferentes puntos de Galicia para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI+, promovendo valores de respecto, convivencia e diversidade.
OUTRAS NOVAS
- O Porriño celebra o Día do Orgullo LGTBI con Marlen Soto, Hermen & Gildo e O Xoán
- Ofertas de empleo en Vigo: educadores sociales, fisioterapeutas, personal de limpieza, técnicos de PRL, administrativos y fontaneros
- Precipitaciones lo que queda de semana y temperaturas más bajas
- El BNG reprocha a Caballero haber contratado sólo 27 viviendas protegidas de las 6.000 que prometió hace 19 años
- La jueza deja en libertad al detenido por apuñalar, presuntamente, a su tío en Cangas






