
Máis de 200 persoas participaron este domingo na III Etapa Popular do Camiño da Costa, unha andaina reivindicativa organizada pola Xunta de Galicia entre Vigo e Redondela co obxectivo de reclamar a sinalización oficial do tramo xacobeo ao seu paso pola cidade.
A convocatoria, que reuniu o maior número de participantes das tres edicións celebradas ata o momento, partiu ás 09:00 horas desde o edificio administrativo da Delegación Territorial da Xunta en Vigo e concluíu arredor de catro horas despois no albergue da Casa da Torre, en Redondela.
Á fronte da marcha estiveron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román. Tamén participaron representantes institucionais de Vigo e Redondela.
A terceira edición desta iniciativa superou a participación das anteriores convocatorias, celebradas entre as parroquias viguesas de Saiáns e Teis en 2024 e entre Oia e Baiona en 2025, consolidándose como unha cita de apoio ao recoñecemento e promoción do Camiño Portugués da Costa.
Que o Concello de Vigo marque o tramo ou permita facelo para que ningún peregrino se perda
Durante a xornada, Ana Ortiz cualificou a participación de “rotundo éxito” e reiterou a demanda da Xunta para que o itinerario sexa debidamente sinalizado no termo municipal de Vigo.
“Urxe que o Concello de Vigo marque o tramo ou nos permita facelo para que ningún peregrino se perda”, afirmou a delegada territorial, quen insistiu na necesidade de ofrecer unha ruta claramente identificable para os milleiros de camiñantes que cada ano percorren este itinerario.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou o momento de crecemento que vive o Camiño Portugués da Costa, unha ruta que, segundo indicou, está a rexistrar un incremento do 23% no número de peregrinos e contribúe de forma significativa á actividade turística de Vigo e da súa área de influencia.

Merelles puxo o foco na dimensión internacional do itinerario, sinalando que o 88 % dos peregrinos proceden doutros países. Neste sentido, advertiu de que a ausencia de sinalización en Vigo proxecta “unha imaxe negativa do Camiño de Santiago, de Galicia e da propia cidade”.
Tamén o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, incidiu no crecemento experimentado por esta ruta nos últimos anos. Segundo explicou, o Camiño Portugués da Costa representa xa o 20,5 % dos peregrinos que chegan a Santiago de Compostela, converténdose no terceiro itinerario xacobeo máis percorrido e achegándose progresivamente aos rexistros do Camiño Portugués do Interior.
Os datos achegados pola Xunta indican que o Camiño Portugués da Costa xa superou os 43.000 peregrinos no que vai de 2026, un 23 % máis que no mesmo período do ano anterior. Desde a súa oficialización en maio de 2016, máis de 300.000 persoas percorreron esta ruta xacobea.
OUTRAS NOVAS
- Récord de participación na andaina que reclama a sinalización do Camiño da Costa en Vigo
- Dos ahogamientos, este domingo, en pocas horas en playas de Galicia
- Cielos con nubes y claros y temperaturas que nos mantendrán a salvo de la ola de calor
- El vigués Unai Sánchez conquista el bronce en el Campeonato de España de gimnasia rítmica masculina
- Un estudio vincula los microplásticos con la expansión de bacterias resistentes





