_agenda Galicia

Música, historia, teatro e gastronomía nunha intensa fin de semana

O Son do Camiño, o Arde Lucus, a Festa dos Fachos, as Festas de Ourense ou a Mostra de Teatro de Cangas encabezan unha ampla oferta de actividades

Música, historia, teatro e gastronomía nunha intensa fin de semana
Música, historia, teatro e gastronomía nunha intensa fin de semana, en Lugo chega o ARDE LUCUS

Galicia afronta unha das fins de semana máis intensas do inicio do verán cunha programación chea de propostas para todos os gustos. Festivais musicais, recreacións históricas, romarías tradicionais, teatro de rúa, cine ao aire libre e citas gastronómicas repartiranse por toda a comunidade, convertendo estes días nunha oportunidade perfecta para gozar da cultura e do lecer.


Música

A música será unha das grandes protagonistas da fin de semana e Santiago de Compostela volverá converterse no epicentro musical de Galicia coa celebración dunha nova edición de O Son do Camiño, que terá lugar dende este xoves, día 18, e o sábado, 20 de xuño, no Monte do Gozo. O festival reunirá algunhas das figuras máis destacadas do panorama nacional e internacional, con nomes como Katy Perry, Linkin Park, Lola Índigo ou Dani Martín, consolidándose como unha das grandes citas musicais do ano.

Tamén Ourense estará de festa. As Festas de Ourense, que se celebran dende este mércores, día 17, ao domingo, 21 de xuño, ofrecerán unha programación variada con concertos de artistas como M-Clan, Miguel Ríos, Dirty Suc ou Hard GZ, ademais de numerosas actividades pensadas para públicos de todas as idades.

En Vigo,regreso do cine ao aire libre nos xardíns do Pazo de Castrelos. O ciclo, que acadou unha gran aceptación na pasada edición, volverá ofrecer proxeccións gratuítas durante tres fins de semana consecutivas, entre o venres, día 19 de xuño, e o sábado 4 de xullo, cunha programación destinada a públicos de todas as idades, dende as 22:30h.


Lugo viaxa dous mil anos atrás co Arde Lucus

Entre as citas máis multitudinarias destaca tamén o Arde Lucus, que converterá Lugo – dende hoxe, xoves 18 e o domingo, 21 de xuño – nunha auténtica cidade romana. Miles de persoas caracterizadas de época participarán en campamentos militares, desfiles, combates de gladiadores, mercados, rituais e espectáculos históricos que recrean o pasado da antiga Lucus Augusti.

A clausura desta edición correrá a cargo do músico Abraham Cupeiro, nun dos momentos máis esperados da programación.


A tradición ilumina Redondela

Esta noite do sábado, día 20, terá un marcado carácter simbólico coa celebración da tradicional Festa dos Fachos de Redondela. Centos de persoas participarán na subida nocturna ao monte da Peneda portando fachos acendidos, nunha celebración que mestura historia, tradición e identidade popular e que cada ano reúne a veciñanza e visitantes nun ambiente único.


Viño e gastronomía en Barro

A gastronomía tamén terá o seu espazo destacado coa Festa do Viño de Barro, que se desenvolverá dende hoxe ata o domingo, día 21 de xuño. A cita renderá homenaxe aos viños da comarca mediante degustacións, actuacións musicais e actividades pensadas para toda a familia, converténdose nun escaparate da riqueza vitivinícola da zona.


O teatro toma as rúas de Cangas

O apartado escénico estará protagonizado pola Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que arrincará este domingo, 21 de xuño, e se prolongará ata o 5 de xullo.

Considerado un dos festivais teatrais máis prestixiosos de Galicia, o evento reunirá compañías procedentes de distintos puntos do Estado e do estranxeiro, cunha programación que combinará espectáculos de sala, representacións de rúa, humor, circo e propostas para todos os públicos.

Con esta ampla variedade de eventos, Galicia presenta unha fin de semana marcada pola cultura, a tradición e o lecer, cun calendario que ofrece alternativas para todos os gustos e idades en practicamente todas as provincias.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.