
O Concello de Redondela informa de que o inicio do servizo de socorrismo nas praias da Punta e Arealonga sufrirá un atraso temporal debido á suspensión do proceso de licitación do contrato tras a presentación dun recurso administrativo.
Segundo explica o Goberno local, a interposición deste recurso obriga a paralizar o procedemento ata que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) dite unha resolución firme sobre o expediente.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que o Concello está supeditado aos prazos legais que marque este órgano independente, aínda que subliñou que o Executivo municipal mantén como prioridade garantir a seguridade nos areais do municipio durante a tempada estival.
«En canto chegue a resolución do tribunal, o Concello axilizará ao máximo todo o proceso administrativo para que o servizo de socorrismo poida comezar o máis rápido posible», afirmou a rexedora.
A limpeza de praias sí que funciona
Mentres tanto, o servizo municipal de limpeza de praias xa iniciou a súa actividade con total normalidade e permanecerá operativo de forma ininterrompida ata o vindeiro 15 de setembro.
O operativo, subliñan dende o Concello, desenvólvese seguindo criterios de protección ambiental e mantemento sostible do litoral. As praias da Punta, Arealonga e Os Penedos contarán con limpeza diaria, mentres que os traballos tamén abranguerán os paseos marítimos de Cesantes, Arealonga e Cardona, así como os accesos, zonas verdes, aparcadoiros e áreas de xogos infantís.
Ademais, o Concello reforzará as tarefas de mantemento noutros areais do municipio. As praias de Soutoxuste e Rande disporán de limpeza tres días á semana, mentres que a praia de Cabanas, en Trasmañó, contará con dúas xornadas semanais de limpeza.
O Concello destaca que estes traballos se realizan respectando o equilibrio biolóxico do entorno litoral. A retirada de algas, argazos e restos vexetais efectúase exclusivamente de xeito manual e conforme á normativa vixente, xa que forman parte natural do ecosistema mariño e contribúen á protección das praias fronte á erosión.
O servizo préstase en colaboración cun centro especial de emprego de iniciativa social, un modelo que o Goberno local mantén pola súa eficacia na xestión e polo seu valor integrador.
OUTRAS NOVAS
- Las playas de Ribeira, Santa Marta y A Ladeira, en Baiona reabren al baño
- La Atención Primaria de Vigo agrava su crisis en verano: citas con cuatro semanas de espera
- “Mientras Caballero coloca luces en julio, las alcaldesas de A Coruña y Santiago trabajan por sus aeropuertos”
- Nigrán converterá os antigos cines da Ramallosa nun espazo con auditorio e sala de proxeccións
- Hallan muerta a Carmen López Rebolo, la joven desaparecida en Lugo el pasado 21 de julio





