
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este luns ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que restitúa o servizo de urxencias en Moaña e deixe de “enganar” á veciñanza ao equiparar a presenza dunha ambulancia co funcionamento dun Punto de Atención Continuada (PAC).
A líder nacionalista realizou estas declaracións tras manter unha reunión coa alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e con representantes da Plataforma da Sanidade de Moaña, nun contexto marcado polas mobilizacións cidadás que reclaman a recuperación dun servizo que desapareceu durante a pandemia e que nunca foi restablecido.
“Pídolle ao señor Rueda que deixe de enganar aos veciños e veciñas porque ter unha ambulancia non significa ter un PAC”, afirmou Pontón, quen cualificou de “insólita” a situación que vive o municipio.
Política de deterioro da Sanidade Pública por parte do Goberno galego
A portavoz do BNG denunciou que o novo centro de saúde de Moaña entra en funcionamento sen recuperar o servizo de urxencias que existía antes da crise sanitaria da covid-19, malia tratarse dun concello de arredor de 20.000 habitantes. Ao seu xuízo, esta decisión evidencia unha política de deterioro da sanidade pública por parte do Goberno galego.
240 semanas de mobilizacións
Pontón lembrou que a veciñanza leva xa 240 semanas mobilizándose para reclamar a volta do PAC e acusou ao Executivo autonómico de responder ás demandas cidadás “con prepotencia e mentiras”.
A líder nacionalista advertiu ademais de que a situación sanitaria en Moaña se produce nun contexto de saturación da atención primaria e insistiu en que a recuperación do PAC resulta aínda máis necesaria durante os meses de verán, cando a poboación do municipio aumenta considerablemente.
O BNG anunciou que levará esta cuestión ao próximo pleno do Parlamento de Galicia e asegurou que continuará apoiando as mobilizacións veciñais ata que se restitúa o servizo.
Favorece á sanidade privada
Pontón aproveitou tamén para ampliar a crítica á política sanitaria da Xunta, á que acusou de favorecer a sanidade privada en detrimento do sistema público. Neste sentido, reclamou máis investimento, reforzo dos centros de saúde, contratación de profesionais e a recuperación dos recursos destinados á atención primaria.
Pola súa banda, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, lembrou que o PAC foi trasladado a Cangas durante a pandemia e que nunca regresou ao municipio. Segundo explicou, o Sergas sostivo durante anos que o servizo volvería co novo centro de saúde, unha promesa que, asegura, non se cumpriu.
Santos denunciou que o centro sanitario abrirá sen urxencias e que a partir das dez da noite permanecerá pechado, obrigando á veciñanza a desprazarse a Cangas para recibir atención sanitaria urxente.
A rexedora criticou tamén a campaña informativa da Xunta sobre a incorporación dunha ambulancia medicalizada durante as 24 horas e insistiu en que “unha ambulancia non é un PAC”. Segundo defendeu, o que reclama Moaña é recuperar o Punto de Atención Continuada que segue figurando na estrutura do Sergas e que, na práctica, continúa prestando servizo desde Cangas.
Tanto o BNG como o Concello sosteñen que a ausencia do PAC incrementará a presión asistencial sobre o centro de saúde de Cangas, especialmente durante os meses de verán, cando a poboación da comarca practicamente se duplica.
OUTRAS NOVAS
- La Diputación, dispuesta a negociar el Mundial con Caballero si antes sabe qué hará el Concello con los 107 millones que costará
- Herido leve un camionero de 44 años tras chocar contra la mediana en la AP-9 en Vigo
- Un extraño lenguado de la ría desconcierta a los científicos: tiene negro hasta el vientre
- Un desfile de Disney y un espectáculo de luces abrirán la Navidad de Vigo
- La Xunta acepta reunirse con el Concello por el Mundial 2030… siempre que participe el Gobierno de España





