
Imagen: @France24_es/ Participantes da Flotilla Global Sumud comezaron a facer públicos nos últimos días testemuños sobre presuntos malos tratos sufridos tras a interceptación da misión por parte das forzas israelís. Segundo denuncia a organización, varias persoas participantes relataron agresións físicas, trato degradante e presuntos abusos durante a súa retención.
Segundo a información difundida por Global Sumud, algunhas das denuncias máis graves refírense ao trato recibido nun barco militar israelí que varias persoas participantes describen como un «barco da tortura». A organización sostén que algunhas persoas retidas relataron o uso de forza física, descargas con dispositivos eléctricos, rexistros ao espido e outras prácticas que consideran incompatibles co dereito internacional.
Os testemuños recollidos pola organización inclúen relatos de participantes que describen golpes, humillacións e condicións de detención severas. Tamén se denuncian presuntas agresións de carácter sexual e malos tratos durante os rexistros realizados ás persoas detidas.
Polo momento, estas acusacións forman parte das denuncias trasladadas pola organización e por participantes da misión. O colectivo reclama unha investigación internacional independente que esclareza os feitos denunciados e determine posibles responsabilidades.
Situación dos palestinos
A entidade tamén vincula estas denuncias coa situación das persoas palestinas privadas de liberdade en cárceres israelís e reclama medidas internacionais, entre elas o acceso do Comité Internacional da Cruz Vermella ás persoas detidas, a revisión das detencións administrativas e actuacións de organismos internacionais.
Dende a organización anuncian ademais unha campaña internacional de recollida de sinaturas para reclamar a liberación de persoas palestinas detidas e impulsar actuacións diplomáticas e xudiciais.

A delegación galega, de volta
Mentres tanto, a delegación galega da misión atópase xa de regreso, entre elas Alberte Pagán, Benito González, Duarte Ferrín, Sandra Garrido e Xurxo Porrit, mentres que Ana Fuentes se desprazará a Vigo e Andrés Morales continuará viaxe cara a Barcelona.
Outras novas
- Vitrasa recuperará el lunes su recorrido por Pi y Margall
- El Supremo confirma cuatro años de prisión para Santi Mina por abuso sexual a una mujer
- Condenado a siete meses y medio de cárcel por tocar el culo a una menor y agredir a dos policías
- O Porriño mellora camiños de Torneiros e Atios, tras os problemas de firme e drenaxe
- ¿Qué te parecería que la nueva grada de Gol de Balaídos se llamase Grada Iago Aspas?





