
A xornada de folga no gran comercio deixou este venres tendas pechadas en Vigo e noutras cidades galegas, con especial impacto en cadeas como Inditex. O paro convocado pola CIG rexistrou un seguimento masivo, especialmente nas provincias da Coruña e Pontevedra, deixando numerosas tendas pechadas e outros establecementos funcionando con servizos mínimos.
As protestas celebráronse en Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Santiago de Compostela e Vilagarcía. O sindicato rexeita o preacordo asinado por ARTE, CCOO e FETICO e reclama un acordo interprofesional galego do comercio que protexa os convenios provinciais e garanta a súa prioridade fronte ao estatal.

Segundo a CIG, o novo convenio estatal afectaría ás condicións laborais do persoal de empresas como Inditex, H&M, Mango, Primark ou Tendam. A central sindical denuncia perdas salariais de entre 2.000 e 3.000 euros anuais nas provincias da Coruña e Pontevedra, ademais da eliminación de complementos de antigüidade e permanencia noutros territorios galegos.
Entre os puntos máis criticados tamén figura a obrigatoriedade de traballar domingos e festivos de apertura, menor previsión nos horarios laborais e a posibilidade de contratación fixa-descontinua a tempo parcial.
Na provincia da Coruña, a folga continua este sábado 18 de abril con novas concentracións na Praza de Lugo da Coruña, no centro comercial As Cancelas de Santiago e no centro comercial Odeón de Ferrol.
A mobilización supón unha nova mostra do conflito laboral aberto no sector do comercio en Galicia, onde sindicatos e persoal denuncian unha perda progresiva de dereitos laborais fronte ás grandes multinacionais da distribución téxtil.
Outras novas
- Desde octubre, dormir en la ciudad le costará a cada turista 1,09€, de media
- Eiras abastecerá a Baiona desde este lunes, ante sus problemas de suministro
- Buscan a una perra que escapó en Navia
- Los sueldos suben en Vigo, pero la vivienda corre mucho más: cada vez cuesta más vivir de una nómina
- Vigo se rinde al balonmano: el Barça conquista su quinta Supercopa Ibérica y el Rocasa reina en el IFEVI





