O BNG acaba de denunciar que Chapela leva desde o mes de febreiro co departamento de servizos socias nunha moi precaria situación «porque o goberno de Digna Rivas non cubre a baixa da traballadora social». Para os nacionalistas, a situación é aínda máis grave porque trátase dunha unidade responsábel da atención da veciñanza en varias parroquias redondelás. Dende o BNG consideran que se trata dunha mostra “da deriva do goberno municipal de Redondela”.
“Realizamos esta denuncia pública porque estamos ante un claro exemplo de falla de planificación por parte do goberno municipal”, declara o voceiro municipal do BNG de Redondela, Xoán Carlos González. Segundo o nacionalista esta situación de precariedade vén dada porque hai unha persoa de baixa e o goberno local foi incapaz de anticiparse e ter unha lista de substitución actualizada e preparada. O edil nacionalista explica que” Digna Rivas non adoptou as medidas necesarias para garantir a continuidade dun servizo básico como son os servizos sociais.”
Familias con dificultades económicas, sen atender
«Esta situación está a provocar que moitas persoas queden sen atender, especialmente aquelas que máis o precisan», apunta Gonzñalez. O voceiro do Bloque engade que esta falla de traballadorea social afecta a familias con graves dificultades económicas, persoas maiores ou veciños e veciñas que precisan apoio e asesoramento e que, nestes momentos, non están a recibir a atención que lle corresponde. Amais, estanse a retrasar trámites e axudas básicas, dificultando aínda máis situacións xa de por si complicadas.
Desde o BNG entenden que isto non é un feito puntual, senón unha mostra máis da falta de planificación e de xestión dun goberno que non está a pór os medios necesarios para garantir uns servizos públicos dignos. «Non é de recibo que unha parroquia como Chapela leve meses sen un servizo esencial por non ter previstas as substitucións ou os imprevistos que poda haber na administración local».
Por esta razón, no BNG esixen ao goberno municipal que actúe de inmediato para cubrir esta praza e que poña en marcha as medidas necesarias para que algo así non volva acontecer. «A veciñanza de Chapela non pode seguir esperando nin pagando as consecuencias da falta de previsión dun goberno que está a deriva».
Lamenta Xoán Carlos González que o deterioro do departamento de servizos sociais, noutrora referente galego, teña que levarse aos medios de comunicación. “Se nos tiveramos calados, seriamos cómplices e o primeiro é o compromiso adquirido cos nosos veciños e veciñas”, remata.
Outras novas
- Las entradas para ver a Chayanne vuelan: las 500 reservas online se agotan en solo dos minutos
- Xa podes levar ao Porriño por bandeira
- Vitrasa, a un paso de seguir al frente del autobús urbano de la ciudad hasta 2036
- Marcos Garabatos hace historia para el Club Natación Mos con un subcampeonato de España y un bronce estatal
- Vigo marca un hito en la cirugía cardiovascular: primera reparación endovascular del arco aórtico en Galicia





