O ex presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, será o encargado de ler o pregón da XXXIX edición da Festa do Choco de Redondela, que se celebrará do 8 ao 10 de maio. Así o anunciou o Concello, que aposta por unha figura mediática de primeiro nivel para reforzar a proxección desta cita gastronómica.
A alcaldesa, Digna Rivas, salientou que a presenza de Revilla supón “un impulso excepcional para a proxección exterior da nosa festa e do noso produto”, subliñando tanto o seu carisma como a súa capacidade comunicativa.
A lectura do pregón terá lugar o domingo 10 de maio, coincidindo coa xornada central do evento. Ademais, o sábado día 9, o político cántabro protagonizará un coloquio no Auditorio da Xunqueira, nun formato aberto ao público no que compartirá reflexións e experiencias.
Achegarse á figura de Revilla
Desde o goberno local subliñan que esta dobre participación permitirá á veciñanza e ás persoas visitantes achegarse á figura de Revilla dun xeito máis próximo antes do momento máis multitudinario da festa. “É unha oportunidade única para escoitalo de preto, nun ambiente máis persoal e participativo”, sinalou Rivas.
O Concello puxo en valor tamén o perfil de Revilla como defensor das políticas sociais e dos servizos públicos, así como o seu papel como divulgador da gastronomía e dos produtos do mar.
A rexedora concluíu facendo un chamamento á participación: “Estamos a traballar para que esta sexa unha edición histórica, combinando a calidade do noso choco coa hospitalidade que nos caracteriza e cun pregoeiro de excepción”.
A Festa do Choco está considerada unha das citas gastronómicas máis importantes de Galicia, reunindo cada ano a milleiros de persoas arredor dun dos produtos máis representativos da enseada de San Simón.
Outras novas
- El Concello remodela Laxe y Carral para ganar espacio público en el centro de Vigo
- El sol y calor de este viernes darán paso a cielos nublados y lluvia, el domingo
- Miguel Ángel Revilla será o pregoeiro da Festa do Choco de Redondela
- El Ministerio de Cultura no dispone aún de la parcela para la Biblioteca del Estado en Vigo
- Alertan da falta de control do benceno en Galicia e reclaman medidas urxentes á Xunta





