
A editorial Cumio vén de publicar Virxinia e Castelao, un novo álbum ilustrado que recrea a vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira cun enfoque próximo e accesible para o público infantil.
A obra, escrita por Diego Bará e ilustrada por Bea Gregores, forma parte da colección Miudiños, que busca achegar ás novas xeracións algunhas das figuras máis relevantes da historia e da cultura galega dun xeito claro e emotivo. Trátase do sétimo volume dunha serie xa consolidada no ámbito editorial galego.
O libro propón unha viaxe pola traxectoria vital de ambos protagonistas, desde a súa infancia ata os momentos máis complexos das súas vidas, poñendo o foco nos seus soños, dificultades e no compromiso compartido coa cultura e coa terra.
Virxinia Pereira
A narración introduce ademais unha mirada específica sobre a figura de Virxinia Pereira, destacando o seu papel fundamental como compañeira de vida e de proxecto, e contribuíndo a ofrecer unha visión máis completa dunha das parellas máis significativas da historia contemporánea de Galicia.
Esta publicación chega ás librarías nun momento no que a figura de Castelao volve estar de actualidade, tras a recente adaptación cinematográfica da súa historia no filme Antes de nós.
A colección Miudiños xa abordou anteriormente a vida de figuras como Rosalía de Castro, Eduardo Blanco Amor, Luis Seoane, Elisa e Marcela, María Miramontes, Ánxel Casal e Luisa Villalta, todas elas ilustradas tamén por Bea Gregores.
Outras novas
- O Porriño enche a fin de semana de festas con música, teatro, tradición e deporte
- O TSXG condena o Sergas por vulnerar os dereitos fundamentais dun traballador
- El alcalde anuncia que Vigo reserva casi 400.000€ para la Cabalgata de Reyes y la megafonía de Navidad
- La Movida viguesa vuelve este sábado con una gran noche dedicada a Golpes Bajos
- Vigo e Nigrán entran en ‘medidas de prealerta’ ante o empeoramento da situación en Zamáns





