Galicia viviu entre decembro e febreiro o inverno meteorolóxico máis húmido dos últimos 25 anos, segundo o balance presentado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, a partir dos datos recollidos por MeteoGalicia.
O informe sinala que a precipitación media en Galicia durante o inverno meteorolóxico alcanzou os 800 litros por metro cadrado, unha cifra que supón un 81 % máis do habitual neste período. Estes valores converten o inverno de 2025-2026 no cuarto máis chuvioso de toda a serie histórica. O precedente máis próximo dun inverno con rexistros semellantes remóntase ao período 2000-2001.
A conselleira explicou que, aínda que decembro non presentou unha anomalía de choiva especialmente destacada, xaneiro e febreiro foron meses moi húmidos, con incrementos das precipitacións do 98 % e do 160 % respecto aos valores normais, respectivamente.
Temperaturas
No que respecta ás temperaturas, Galicia rexistrou un inverno cálido cunha temperatura media de 9,1 graos, o que supón seis décimas por riba do valor climático de referencia. Esta anomalía débese principalmente ás temperaturas mínimas, que estiveron 2,8 graos por riba do habitual, mentres que as máximas se situaron lixeiramente por debaixo da media.
O informe tamén inclúe o balance climatolóxico de febreiro, que MeteoGalicia cualifica como un mes moi cálido e extremadamente húmido en Galicia. Durante ese período a precipitación media acadou 304 litros por metro cadrado, un 160 % máis do habitual para ese mes. Para atopar un febreiro con máis choiva hai que remontarse a 1979.
‘Tren’ de borrascas
Segundo explicou Ángeles Vázquez, nas dúas primeiras semanas de febreiro rexistrouse unha chegada continua de borrascas moi activas, mentres que na segunda quincena as frontes foron menos frecuentes pero continuaron deixando acumulados de precipitación relevantes.
En canto ás temperaturas, a media do mes de febreiro situouse nos 10,3 graos, cunha anomalía positiva de 1,5 graos respecto ao valor normal. A temperatura mínima media foi de 5,4 graos e a máxima de 12,4 graos, valores superiores aos habituais para esta época do ano.
Outras novas
- Tres grandes festivales gastronómicos, este verano frente al Náutico: vino, cerveza y sabores del mundo
- Caballero evita dar explicaciones al Pleno sobre la imputación de la concejala de Seguridad
- Vigo reduce su criminalidad un 4,2% y lidera el descenso de delitos entre las grandes ciudades gallegas
- El Gobierno local acusa al PP de Vigo de intentar sacar a la ciudad del Mundial 2030 compinchado con la Xunta y la RFEF
- Arrestado en Vigo, tras meses de investigación, por vender cocaína y drogas sintéticas en Sárdoma






