A Asociación Veciñal de Lavadores acolleu este sábado 28 de febreiro a asemblea constituínte de Artefacto, unha nova rede cultural galega que aspira a reunir creadoras e creadores de distintas disciplinas artísticas, culturais e científicas co obxectivo de construír un espazo creativo popular alleo ás lóxicas de mercado.
A xornada desenvolveuse en horario de mañá cun debate aberto no que participaron varias decenas de persoas, centrado na definición do proxecto e nas liñas de intervención no panorama cultural galego. No encontro foi elixido Antón Dobao como Voceiro Nacional e Alba Mourillós como Responsable de Intervención Cultural, ademais dunha Coordinadora Nacional integrada por outros once membros.
O acto completouse cun xantar popular e cun evento artístico multidisciplinar no que se combinaron distintas manifestacións creativas, en coherencia co carácter transversal da iniciativa.
Artefacto
Artefacto xurdiu o pasado verán coa publicación dun manifesto fundacional que acadou arredor de cen sinaturas, entre elas as de figuras da cultura galega como Xosé Luís Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Inés Mosquera, Alexandra Cabana Outeiro, Antón Blanco e Inma Alonso.
No seu manifesto, a rede sitúase fronte ao que cualifica como “circuíto pechado” derivado do utilitarismo mercantil e aposta por un espazo de colaboración colectiva, antifascista, feminista e republicano. A súa finalidade é concibir as artes e a cultura como ferramentas de liberación e acción subversiva, promovendo —segundo recolle o texto— unha creación “en igualdade e sen dominación”.
Tras a súa constitución formal en Vigo, as persoas integrantes da rede comezan xa a traballar nun primeiro acto público de presentación e nunha intervención cultural coa que materializar as liñas programáticas expostas no manifesto.
Outras novas
- Dos heridos en una colisión frontal entre dos turismos en Tomiño
- O Porriño impulsa 36 novas vivendas de promoción pública en Gulpilleira
- Nace en Vigo a rede cultural subversiva Artefacto
- A la cárcel, tras asaltar una casa, amenazar a su dueño con unas tijeras y tratar de prenderle fuego
- Abierto el plazo para los Campamentos A Lanzada con 1.540 plazas para niños y niñas de la provincia






