O persoal de Alten que presta servizo para BorgWarner retomou as mobilizacións en defensa do emprego cunha concentración ás portas da factoría situada en Zamáns. A protesta prodúcese tras a campaña de despedimentos iniciada pola subcontrata e despois de que esta comunicase a finalización do contrato mercantil coa compañía principal a partir do vindeiro 9 de marzo.
Presións
As persoas traballadoras denuncian que a empresa está a exercer presións para que retiren as demandas xudiciais presentadas por cesión ilegal. O conflito arrinca en decembro de 2024, cando a Inspección de Traballo visitou as instalacións de BorgWarner en Porto do Molle e, tras comprobar os feitos denunciados pola CIG, resolveu que existía cesión ilegal de persoal, sancionando ambas empresas.
A partir desa resolución, o cadro de persoal interpuxo demandas para que se recoñeza a súa condición de fixos de BorgWarner. Nos últimos meses, segundo denuncian, producíronse ameazas e coaccións para que desistisen das accións xudiciais, ao tempo que se executaban despedimentos que tamén foron recorridos.
Folga indefinida
A situación derivou na convocatoria dunha folga indefinida, iniciada o pasado 23 de febreiro cun peche nas instalacións. O obxectivo é esixir a readmisión das persoas despedidas, garantir a continuidade dos postos de traballo e que cesen as presións mentres os xulgados resolven as demandas.
Ante a folga, Alten solicitou a mediación do AGA. Na primeira xuntanza, celebrada o pasado xoves por vía telemática, participaron o delegado sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG) e representantes sindicais das federacións de Banca e Industria. Segundo a central sindical, non se produciron avances significativos.
Está prevista unha nova reunión o martes 3 de marzo. O persoal reclama que a empresa presente unha proposta concreta que permita desbloquear o conflito, lembrando que son as persoas traballadoras quen están a asumir as consecuencias da situación e que xa acumulan cinco xornadas de folga.
Outras novas
- Muere un motorista en una colisión con un turismo en Arbo
- Vigo estrena el desfile de las Fuerzas Armadas con miles de asistentes y un incidente inédito con la bandera de España
- Felipe VI preside la Revista Naval en Vigo, en la víspera del desfile militar y de una protesta contra el gasto en Defensa
- Nueve detenidos en una operación contra dos células de narcotráfico con cocaína, armas y tabaco de contrabando
- Recta final del Petisquiño en Vigo: estas son las tapas que optan a la gran final





