Galicia

ADEGA asegura que «a Xunta volve axitar o espantallo do lobo para tapar as súas miserias»

Como o apoio do PP ao tratado MERCOSUR que ameaza a gandeiría galega

ADEGA apoia o mantemento da suspensión cautelar da caza do lobo ditada o pasado ano polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e oponse frontalmente á solicitude que a Consellaría de Medio Ambiente vén de presentar no día de onte, 26 de xaneiro, para levantala.

A organización lembra que esta medida cautelar se ditou para protexer unha poboación nun estado de conservación desfavorábel mentres se resolve no Tribunal Constitucional (TC) o recurso de interposto polo «Defensor del Pueblo» contra a desprotección do lobo no LESPRE. Foi o PP no Congreso o que, mediante un artificio legal (emendas á Lei de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario) e co apoio da dereita extrema, Junts e PNV, provocou que o lexislativo estatal retirara o lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE), ignorando o procedemento que habilita a Lei de Conservación da Natureza e os criterios científicos que manterían a súa protección.

Esta espúrea retirada do lobo do LESPRE vulnerou principios constitucionais de seguridade xurídica e non regresión ambiental, polo que ADEGA agarda que o TC anule esta manobra regresiva. Mentres isto non suceda, consideramos que a suspensión cautelar do TSXG segue sendo totalmente acaída e imprescindíbel.

Danos sen contrastar

O suposto incremento dos danos –sen contrastar, asegura a organización ecoloxista- «referidos pola conselleira como excusa para pedir ao TSXG o levantamento das cautelares, só agocha a inacción e o desleixo da Xunta na aplicación de medidas preventivas reais. Na súa valoración sobre incremento de avisos e danos, a Xunta limítase a usar datos en bruto e sen depurar, e non se coñecen informes técnicos que acrediten a que se deben estas variacións«. Entre as cuestións que deberían avaliarse está o efecto da mellora no coñecemento das axudas, da optimización do rexistro de avisos, da maior publicidade, do progresivo incremento de contías, ou mesmo das «campañas contra o lobo que a Xunta e o PP usan como ferramenta de confrontación política co Goberno central dende que este decidira incluír en 2021 o lobo no LESPRE».

Tampouco se coñecen datos recentes por medio de informes técnicos sobre a eficacia das medidas preventivas aplicadas nas comarcas cunha maior incidencia de denuncias. «Non hai seguimento, avaliación nin propostas de actuación nos lugares con recorrencia, nos que a Xunta se limita a reclamar controis letais en lugar de favorecer medidas compensatorias e para o bo manexo do gando».

Unha cortina de fume para tapar o apoio do PP ao tratado MERCOSUR

Segundo ADEGA, recentemente, a Xunta vén manobrando para poñer de novo o foco no suposto grave problema do lobo no medio rural. As declaracións alarmistas da conselleira sobre o risco para as persoas maiores ou os cans, que tentan crear unha falsa sensación de inseguridade no rural, son para ADEGA manobras da Xunta para distraer o sector gandeiro das súas políticas rurais regresivas. En particular, do seu apoio ao acordo MERCOSUR, que ameaza a gandería extensiva galega con importacións a baixos prezos e concorrencia desleal.

Os ecoloxistas sublilñan que esta estratexia comunicativa de cortinas de fume e bulos non fai máis que alimentar o conflito. Dificulta o poder chegar a unha coexistencia amigable entre as explotacións gandeiras e o lobo, ao torpedear a aplicación de solucións técnicas e científicas eficaces para acadar escenarios máis favorables e xustos. ADEGA avoga pola protección integral do lobo, «xoia sobranceira do noso patrimonio natural. Instamos ao TSXG a manter a suspensión cautelar da súa caza e á Xunta a que deixe de usar o lobo como chivo expiatorio co que ocultar as súas políticas trumpistas que levan ao abandono e desintegración do rural galego».


Outras novas


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.