A Deputación de Pontevedra organiza novas xornadas de formación: a próxima semana haberá sete novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+, dirixidos ao tecido empresarial da provincia. As accións formativas desenvolveranse entre o luns 26 e o venres 30 de xaneiro, todas en modalidade en liña e con inscrición previa, e centrarán os seus contidos en ferramentas clave para mellorar a competitividade, a comunicación e a xestión dos negocios.
Luns, 26
Ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro telemático “Mellora de procesos con IA II – Márketing con IA, contido que impacta”, no que se aprenderá a crear carteis e anuncios atractivos combinando imaxe e texto mediante intelixencia artificial.
Esta formación terá continuidade o xoves 29 de xaneiro, tamén ás 12:00 horas, cunha segunda sesión titulada “Estratexia baseada en datos”, centrada no uso da IA para analizar vendas, competencia e tomar decisións empresariais baseadas en datos dun xeito sinxelo. Ambas sesións serán impartidas por Manuel Tornos, asesor do Centro de Desenvolvemento Industrial Informatizado de Barro.
Martes 27
Tamén ás 12:00 horas, terá lugar o obradoiro “Instagram para principiantes I”, dirixido a persoas que se inician nesta rede social e que precisan coñecer as súas funcións básicas. A segunda parte, “Instagram para principiantes II”, celebrarase o xoves 29 ás 17:00 horas e afondará en conceptos máis avanzados de creación de contido visual. As dúas sesións estarán impartidas por Lara Taboada, licenciada en Educación Artística en Deseño Gráfico, con experiencia en fotografía de produto e composición creativa.
Mércores, 28
Desenvolveranse dous obradoiros telemáticos. O primeiro, “Programas de xestión hostaleira”, será impartido por Patricia Cabaleiro, licenciada en Turismo, e ofrecerá unha visión práctica das principais plataformas dixitais para optimizar a xestión diaria de aloxamentos e negocios hostaleiros.
Ese mesmo día terá lugar o obradoiro “A túa marca nun QR, tarxetas para destacar”, centrado no deseño de tarxetas virtuais con códigos QR como ferramenta para dar visibilidade ás marcas e facilitar o contacto coa clientela.
Venres, 30
Ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro “Conversas que convencen: xestiona críticas e pecha vendas”, impartido por Guillermo Nass, TSU en Deseño Gráfico Publicitario. Nesta sesión aprenderase a crear sistemas de respostas rápidas para redes sociais e WhatsApp, co obxectivo de mellorar a comunicación coa clientela, xestionar críticas de forma eficaz e incrementar as vendas.
Otras noticias
- Avanza a reparación do noiro da AG-57, tras os desprendementos dos temporais
- Marín acoge el Campeonato Gallego de Kickboxing y Muaythai 2026, con récord histórico de participación
- El próximo día 23 abre el plazo para solicitar plaza en las escuelas infantiles municipales
- El Gobierno estudia bajar el IVA de la electricidad para contener los precios ante la crisis energética
- Sánchez exige a Caballero auditar las cuentas de la Entidad Local Menor de Bembrive, por «opacidad y corrupción»







