O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclamou este martes que Vigo sexa declarada “zona saturada” de grandes áreas comerciais e que se aprobe unha moratoria de dez anos que impida a apertura de novos macrocentros na cidade. A proposta foi presentada polo portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen advertiu da “desertización” que sofre o comercio de proximidade mentres seguen avanzando proxectos de gran escala como os previstos en Cruceiro, Recaré ou o parque comercial e de lecer do PTL de Valadares.
Un de cada catro establecementos do pequeno e mediano comercio pechou
Segundo expuxo o BNG, a posta en marcha destes proxectos suporía incrementar nun 150 % a superficie destinada a grandes áreas comerciais en Vigo, nun contexto no que un de cada catro establecementos do pequeno e mediano comercio pechou durante a última década. A isto súmase, sinalan, a existencia de locais baleiros en varios dos centros comerciais xa en funcionamento.
Seis grandes superficies na cidade
Na actualidade, Vigo conta con seis grandes superficies —Camelias, Praza Elíptica, Travesía, Gran Vía, A Laxe e Vialia— que suman arredor de 175.000 metros cadrados. Os novos proxectos promovidos polo Concello e Zona Franca engadirían outros 263.000 metros cadrados máis, unha expansión que o BNG considera “irracional e insustentábel”.
Igrexas defendeu un modelo alternativo baseado no comercio de proximidade, “enraizado na cidade e nos barrios”, como elemento clave para manter a actividade económica, a vida social e a seguridade nas rúas. Neste sentido, reclamou a posta en marcha dun Plan Local de Dinamización Comercial que apoie ao comercio local, lembrando que Vigo é a única das sete grandes cidades galegas que non recibiu axudas públicas neste ámbito desde a pandemia. Tamén alertou da situación “crítica” dos mercados municipais por falta de apoio institucional.
Outras novas
- Samil y O Vao estrenan el refuerzo de verano: estas son las líneas de autobús que amplían recorrido
- Ana Ortiz acusa a Caballero de manipular y le recuerda las obras pendientes y el caso de la cuñada de Carmela Silva
- Muere un motorista tras chocar contra una furgoneta en la A-52
- Meigas, pactos de sangue e un actor ao límite: así continúa a Mostra de Teatro Amador
- Incautados más de 6.000 juguetes, gafas graduadas y punteros láser ilegales en Mos
Emprego precario
O BNG advertiu ademais do impacto laboral e ambiental das grandes superficies, que —segundo a formación— xeran emprego máis precario, fomentan o uso do vehículo privado e incrementan o consumo de solo e enerxía. Para Igrexas, este modelo afonda na terciarización da economía viguesa en detrimento da industria, sector que perdeu máis de 7.000 empregos desde 2009.
A formación nacionalista conclúe que Vigo non precisa máis macrocentros comerciais, senón políticas públicas que reforcen o tecido produtivo local, o comercio de proximidade e sectores estratéxicos como o naval, a automoción ou o mar-industria.





