
O Concello de Redondela vén de presentar o proxecto de reforma e modernización do pavillón municipal de Reboreda, unha actuación cun orzamento de 388.000€ que permitirá renovar por completo unhas instalacións moi utilizadas e afectadas polo paso do tempo. A intervención transformarase nunha actuación integral centrada na mellora da funcionalidade, a seguridade e a accesibilidade do recinto deportivo.
Tres ámbitos
As obras estruturaranse en tres grandes ámbitos. O primeiro será a renovación total da pista deportiva, que pasará a contar cun pavimento de tarima de madeira específico para uso deportivo, instalado sobre compoñentes elásticos para garantir unha práctica máis segura das distintas disciplinas.
En segundo lugar, acometerase a reforma dos vestiarios, con novos espazos de cambio e aseo máis cómodos, eficientes e adaptados ás necesidades actuais, incluíndo unha cabina accesible para persoas con mobilidade reducida.
O terceiro eixo da actuación será a mellora da accesibilidade e da experiencia do público, coa creación dun novo acceso desde o exterior que evitará a entrada polo corredor dos vestiarios. Esta nova porta contará cunha pequena rampla para facilitar o acceso a persoas con dificultades de mobilidade. Ademais, o proxecto contempla a reforma do almacén, que se dividirá en tres espazos independentes para facelo máis operativo, e a renovación completa da instalación eléctrica, con novo cableado e iluminación LED de baixo consumo.
Outras novas
- Vigo activa la prealerta por sequía: estas son todas las restricciones por la falta de agua
- La Empresa Municipal de Vivienda genera dudas: Sánchez denuncia que solo promoverá una de cada tres viviendas de Santa Cristina
- Hard GZ, Safri Duo, Amistades Peligrosas y Budiño lideran el cartel del Festival Son e Mar
- Último día de la Feria del Libro de Vigo: horario de actividades, presentaciones y firmas de este martes 7 de julio
- As Festas de San Bieito xa teñen programa: Kid Mount, a histórica poxa das uvas e tres días de música
Varios clubes e competicións
O pavillón municipal de Reboreda é unha infraestrutura esencial para a vida da parroquia. Nas súas instalacións adestran e compiten os clubs de fútbol sala Casa Paco, Campito, Redondela e Meigarco, e tamén é utilizado a diario polo alumnado do CEIP de Reboreda para as clases de Educación Física, ao carecer o centro de instalacións deportivas propias.
Esta nova actuación foi presentada ao III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, co obxectivo de acadar o financiamento necesario para facer realidade a reforma.





