Galicia

Pontón reclama garantías de atención sanitaria pública para as 600.000 persoas da área de Vigo

Propón a incorporación de Povisa á rede pública, a publicación do contrato co Sergas e unha auditoría externa

Pontón reclama garantías de atención sanitaria pública para as 600.000 persoas da área de Vigo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou este xoves en Vigo que a formación nacionalista levará ao Parlamento un paquete de propostas para garantir a atención sanitaria integral e pública das 600.000 persoas que integran a área sanitaria viguesa. Unha parte destacada desa poboación, arredor de 114.000 persoas, ten como hospital de referencia Povisa, centro xestionado polo grupo privado Ribera Saúde, sobre o que nos últimos meses transcenderon informacións que cuestionan a primacía da atención ás e aos pacientes fronte aos intereses económicos.

Pregunta a Rueda se pode garantir que a atención sanitaria está,en Povisa,por riba da rendibilidade

Pontón fixo referencia aos audios do CEO do grupo Ribera, difundidos recentemente, nos que instaba a priorizar beneficios por riba da calidade asistencial no hospital privatizado de Torrejón de Ardoz. Para a líder nacionalista, estas declaracións confirman unha dinámica que o BNG leva anos denunciando: “Cando a sanidade se converte nun negocio, as empresas non ven pacientes, ven clientes”, afirmou. Nesta liña, preguntou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se pode garantir que a atención sanitaria das persoas atendidas en Povisa non está condicionada por criterios de rendibilidade.

A comparecencia, realizada ás portas de Povisa xunto ao portavoz municipal Xabier Pérez Igrexas, a responsable parlamentaria de Sanidade Montserrat Prado e representantes da organización en Vigo, serviu para presentar tres medidas que o BNG defenderá no Parlamento.

Incorporación de Povisa á sanidade pública galega

A primeira delas é a garantía plena de atención pública para toda a cidadanía da área sanitaria, o que, segundo Pontón, require que a Xunta estude a incorporación de Povisa á rede pública mediante a compra do hospital. A líder nacionalista sostén que só desa forma se asegurarían prestacións homoxéneas, de calidade e con criterios exclusivamente sanitarios.


Outras novas


Transparencia

En segundo lugar, o BNG reclamará que se faga público o contrato millonario entre o Sergas e Povisa, que a formación cualifica de “ocultado” e “blindado”. Pontón lembra que o convenio supera os 100 millóns de euros anuais e denuncia “oscurantismo” á hora de coñecer as súas condicións, contraprestacións e cláusulas, algo inaceptable nun servizo financiado con fondos públicos.

Auditoría externa

A terceira medida consiste na realización dunha auditoría externa e independente que avalíe tanto as prácticas de xestión como a calidade asistencial do hospital. Pontón quere esclarecer se condutas denunciadas en Torrejón —como o incremento artificial das listas de espera ou a negativa a atender pacientes non rendibles— se producen tamén en Povisa. Ademais, o BNG demanda facer públicos datos clave como as ratios entre profesionais e pacientes, os custos asumidos pola Xunta en materia de farmacia, próteses ou listas de espera, e o impacto total destes gastos sobre o erario público.

A portavoz resumiu o obxectivo das propostas: “Defender o dereito á saúde por riba do negocio e garantir transparencia nun contrato sanitario dos máis caros do Estado”. Recordou tamén que a área sanitaria de Vigo xa sufriu “experimentos privatizadores” no pasado, como a construción do hospital Álvaro Cunqueiro baixo un sistema de colaboración público-privada que supuxo un sobrecusto de 470 millóns de euros para obter “un hospital máis pequeno e con menos servizos dos previstos”.

Pontón concluíu apelando á defensa firme da sanidade pública como único modelo capaz de garantir equidade, universalidade e atención centrada nas persoas: “A sanidade pública é a única que asegura que todas e todos sexamos tratados como pacientes, non como clientes”.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.