Tras o éxito da I edición en 2024, que lle valeu a entrada directa no informe anual do Observatorio da Cultura como unha das iniciativas culturais máis relevantes do ano en España, Hematofesti regresa do 4 ao 8 de novembro para celebrar en Vigo a súa segunda edición. A proposta ideada por Ledicia Costas consolídase como un festival único que fusiona de xeito orgánico nun só programa o humor e a literatura infantil.
O evento naceu como unha homenaxe a Miguel Ángel López, coñecido como O Hematocrítico, escritor, mestre, divulgador e paradigma do internet amable, recoñecido postumamente coa Medalla ao Mérito nas Belas Artes 2023.
Asi, o festival, dirixido pola escritora viguesa Ledicia Costas e codirixido polo director de cine coruñés Alberto Vázquez, busca manter vivo o seu legado, fundado na bonhomía, a creatividade e o uso da sorpresa e o humor como “lubricantes marabillosos para calquera tipo de ensino”.

Ao longo de cinco intensos días, Vigo acollerá a figuras destacadas do humor, a literatura, o cine, a música, a cultura e a creatividade para ofrecer actividades para todo tipo de públicos, facendo especial fincapé no infantil e no familiar.
Hematofesti 2025 recibe de novo un incontestable apoio de patrocinadores e colaboracións, tanto desde o ámbito institucional — Ministerio de Cultura (DG del libro, la lectura y el cómic), Turismo de Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra, Concello de Vigo, Vigo Convention Bureau e Consorcio da Zona Franca de Vigo — como do privado, co apoio das empresas GADIS, Deleite, Nintendo España, Vialia, Cumio, Espazo Lector Nobel, Hotel Bahía de Vigo e do tecido empresarial local e cultural vigués e galego, con colaboracións de inciativas coma a do Vitruvia Club, a revista A Movida e Xeito ou as asociación Évame—Oroza e a Asociación de Actrices e Actores de Galicia e da tenda local Galería Maraca e as librerías da cidade.
Convidados
Entre os convidados máis recoñecidos desta edición atópanse o humorista Ignatius Farray, quen liderará unha residencia de comedia e participará na Hematogala; a cantante Luz Casal, que intervirá nunha conversa sobre economía e cultura; e a artista e presentadora Teresa Rabal, que recibirá o Premio Lenda do Recreo.
A programación tamén inclúe nomes de relevancia como os ilustradores Javier Jaén e Bea Lema, os autores Pedro Mañas, Susanna Isern, Antonio M. Fraga, Eva Mejuto, o humorista Xosé Antonio Touriñán, os músicos Lucía Aldao, Silvia Superstar, IGMIG e Grande Amore, tamén ao xornalista Noel Ceballos, e as escritoras Yolanda Castaño e María Lado.
A programación familiar, o corazón do Hematofesti
O Hematofesti aposta con decisión polo público infantil e familiar, ofrecendo 250 prazas de balde para actividades gratuítas en talleres e contadas. Entre as sesións de contos e obradoiros, que terán lugar todos os días do festival en distintas librarías e espazos sociais e culturais de Vigo, atopamos divertidos talleres de fanzines, xoguetes ópticos, ilustración e costura da man de artistas de primeiro nivel como David Rodríguez, Diego Estebo, Bea Lema, Carmen Pintos, Iván R., Natalia Umpiérrez, Bea Gregores, Rena Ortega ou Berto Fojo. Dentro deste ámbito, nesta edición incorpóranse as presentacións de obras infantís, cos autores Antonio Manuel Fraga, Lois Pérez, Gabriel Romero e Óscar Reboiras.
Ademais o Hematofesti leva a festa polas mañás a varias escolas de Vigo co programa A ilusión do movemento, un ciclo de curtametraxes de animación cun taller didáctico para alumnado de 4º e 5º de primaria dinamizado por María Lado.
Hematocrítico Ilustrado
A exposición Hematocrítico Ilustrado por Alberto Vázquez abrirá as súas portas na sede da Deputación Provincial en Vigo coincidindo co inicio do festival. Trátase dunha mostra onde se atopan as obras gráficas orixinais de Vázquez para os libros infantís de Hematocrítico e que conta cunha sala de lectura. A partir do 15 de novembro, contará cunha oferta de talleres de ilustración e clubs de lectura (de balde) deica o Nadal.
O xogo e a imaxinación son eixos inalienables do Hematofesti. Este ano, o xigante xaponés dos videoxogos, Nintendo, volve colaborar co festival cun Espazo Gaming no Centro Comercial Vialia aberto de xoves a sábado e que inaugurará a súa actividade o xoves 6 cun interesante encontro entre a desenvolvedora e escritora de videoxogos Concepción López Agulla e o autor de Anna Kadabra, Pedro Mañas, que conversarán co xornalista especializado Noel Ceballos.
Unha homenaxe entre risos
O Hematofesti é unha homenaxe á figura de Miguel, pero sobre todo é unha festa repleta de humor e bo ambiente. Nesta segunda edición o festival organiza Queremos Humor! Academia de comedia de Ignatius Farray, unha residencia humorística onde o recoñecido cómico canario impartirá obradoiros e titorías aos asistentes ao longo da semana no Vitruvia Club. Esta residencia culmina o venres 7 co Comedy Club, un espectáculo que contará coa participación do propio Ignatius e os cómicos que formaron parte desta iniciativa.
Doutra banda, o xoves 6, no Auditorio Mar de Vigo celébrase a Hematogala, un grande evento presentado por Xosé Antonio Touriñán e María Lado que contará coas actuacións de Grande Amore, IGMIG, Ignatius Farray, Noel Ceballos, Nus Cuevas, Silvia Superstar e Sobria y Serena (Arantxa Treus e Jazmín Abuín).. Ademais, ese mesmo día pola mañá, o Auditorio Municipal será escenario da gravación en directo con público de Hora Veintipico, programa da Cadena SER presentado por Héctor de Miguel.
Outras novas
- Más billetes para viajar en tren entre Vigo y A Coruña
- La cooperación internacional, clave para interceptar el barco que se dirigía a Vigo con 4 toneladas de cocaína
- El Gobierno local se opone “frontalmente” a que la Alameda sea ‘Bien de Interés Cultural’
- Hematofesti regresa a Vigo con cinco días de humor e literatura infantil
- Consumo propone multar con 3,6 millones a Alquiler Seguro por cobrar comisiones ilegales a inquilinos
Punto de encontro para profesionais
O festival dedica dous días a encontros profesionais centrados na relación entre cultura e economía, destacando o seu valor como motor social e industrial baixo o lema Economía e Cultura: O Binomio Fantástico, que se desenvolverá o martes 4 e o venres 7 de novembro no Auditorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo.
O primeiro día ofrecerá unha conversa entre Luz Casal e Ledicia Costas moderada por Lucía Aldao, arredor da acción cultural como ferramenta económica e social. O venres celebrarase unha xornada completa con mesas e entrevistas, nas que participarán figuras como Alberto Vázquez, Alejandro Pérez, Noel Ceballos, María Moya, Xosé Antonio Touriñán, Elena Ferro, Ledicia Costas, Yolanda Castaño ou Lucía Aldao xunto con representantes da parte empresarial que inviste en cultura, coma Bodegas Martín Códax, VIALIA ou Deleite.
Ademais, o delegado da AEAT en Vigo explicará as vantaxes fiscais do investimento en cultura e a presidenta da Fundación Xistral presentará a primeira rede social do libro en galego, M8 por ler.
Polo demais, o mércores 5, a Premio Nacional de Banda Deseñada 2024, Bea Lema, e o prestixioso ilustrador e deseñador gráfico Javier Jaén ofrecerán unha mesa titulada Artistas Calidoscópicos, onde pescudarán nas súas profesións e obras.
O sábado está reservado para unha das actividades máis especiais do programa, a xornada Queremos Literatura Infantil na Sede da Deputación Provincial de Pontevedra en Vigo. Coordinada por Eva Mejuto e Montse Pena Presas e centrada nesta edición no álbum ilustrado, destínase a público profesional da literatura infantil e a docentes, pero tamén ao público lector. Asi mesmo, o programa inclúe mesas redondas sobre edición, creación e álbum ilustrado, coa participación de editoriais e autoras recoñecidas. Ademais, haberá un espazo dedicado ao formato oral con Caxoto e Charo Pita.
II Premio de Álbum Ilustrado Humor con H
A xornada pecharase coa entrega do II Premio de Álbum Ilustrado Humor con H (dotado con 5.000 € e a edición nas catro linguas do Estado) e do premio de honra do Hematofesti Lenda do Recreo, que nesta edición homenaxeará a Teresa Rabal, coa entrega a cargo de Manuel Bragado, galardoado na primeira edición.
Como colofón á xornada, a escolar Candela Fernández lerá un texto de Dona Problemas acompañada por Lucía Aldao. Candela foi a finalista resultante do piloto do programa Pequenos Xigantes da Lectura celebrado no marco da I edición de Hematofesti, e despois resultou vencedora a nivel nacional na final deste programa na Feria del Libro de Madrid 2025. Foi a primeira vez que o galego estivo neste evento… e gañou.






