O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexeita que Vigo acolla o desfile das Forzas Armadas españolas o vindeiro 30 de maio de 2026. O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, trasladou este mércores en rolda de prensa a “firme oposición” da fronte nacionalista a que este acto “arcaico e casposo” se celebre na cidade no actual contexto de crecente belicismo e por ir en contra da arraigada defensa da paz que apoia unha ampla maioría das viguesas e dos vigueses.
“Presidido por unha institución anacrónica, antidemocrática e corrupta, como a monarquía”
Igrexas reclamou o alcalde, Abel Caballero, que rectifique a decisión anunciada onte e transmita ao Ministerio de Defensa a negativa de que a parada militar teña lugar en Vigo o vindeiro ano. “A maior cidade da Galiza non quere albergar un acto de exaltación do militarismo e do españolismo”, afirmou. Un desfile que, criticou, vai ser presidido por unha institución “anacrónica, antidemocrática e corrupta” como a monarquía.
Dende o Bloque cuestionaron tamén o “dispendio” de recursos públicos deste desfile, cun custe estimado de 750.000 euros para a cidade. Uns fondos que propuxeron destinar a causas máis xustas como brindar axuda humanitaria á poboación de Palestina, a través dun convenio coa Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados/as da Palestina en Oriente Pŕoximo (UNRWA), na mesma liña que fan outros concellos galegos.
Advertiron ademais dende a fronte nacionalista do “caos aínda maior” que vai provocar na cidade a celebración deste evento. Lembraron a ese respecto os problemas xerados durante os recentes actos polo Día da Policía que, manifestou Igrexas, foi organizado polo alcalde para “autoimpoñerse” unha medalla. “Igual Abel Caballero quere con este acto recibir tamén unha condecoración militar”, ironizou.
“A dereita extrema ten candidato en Vigo: Abel Caballero“
O portavoz nacionalista cualificou de “especialmente repugnante” esta decisión dun Goberno que se define como progresista e de esquerdas cando se “asemella moito aos delirios trumpistas”. Considerou que este anuncio confirma que a “dereita ultraespañolista xa ten candidato á alcaldía de Vigo: Abel Ramón Caballero Álvarez”.
Outras novas
- O BNG rexeita que Vigo acolla o desfile das Forzas Armadas: “É unha exaltación militarista e españolista”
- Cortado el jueves y viernes el Camiño da Cacharela, en Teis
- Se cocina algo bueno en el Banco de Alimentos
- Educación investiga un posible caso de acoso a una niña de 5 años en un colegio de Vigo
- Durão Barroso y Antón Costas, nuevas incorporaciones al ‘Vigo Global Summit’
“Non queremos desfiles militares en Vigo”.
Dende o BNG fixeron un chamamento a todas as organizacións sociais, colectivos e ao conxunto da cidadanía para se sumar a este rexeitamento e enviar unha mensaxe rotunda: “Non queremos desfiles militares en Vigo”.
“A paz non pode construírse con exhibicións de armamento”, afirmou Igrexas, facendo alusión á “irracional” carreira armamentística a nivel internacional que, valorou, “obedece só aos intereses do Imperialismo e da industria da guerra”. No seu lugar, apostou por defendela a través da xustiza social, da cooperación, da solidariedade internacional e do respecto aos dereitos humanos e á soberanía de todos os pobos e nacións do mundo.