Galicia

O GFFF homenaxea ao actor e especialista vigués Luis Barboo

Traballou xunto Clint Eastwood, Kirk Douglas, Charlton Heston, Sean Connery, Raquel Welch ou Arnold Schwarzenegger

O GFFF homenaxea ao actor e especialista vigués Luis Barboo

O Galicia Freaky Film Festival celebrará entre as actividades especiais da súa 9ª edición unha homenaxe a un dos grandes descoñecidos do cinema galego e da cidade olívica: o actor e especialista Luis Barboo, nado en Vigo en 1927.

Inmortalizado como “el Rojo” no clásico Conan, el Bárbaro (John Milius, 1982), Barboo compartiu pantalla ao longo da súa carreira con figuras como Clint Eastwood, Kirk Douglas, Charlton Heston, Sean Connery ou Arnold Schwarzenegger.

A homenaxe incluirá a proxección de Conan, el Bárbaro, que terá lugar o martes 23 de setembro ás 22:00 horas nos cinemas Tamberlick. Antes da proxección, celebrarase un coloquio especial na sala Ap’ostrophe.arte, co título “Luis Barboo: o vigués que camiñou coas estrelas”, conducido polo escritor e cineasta vigués Josiño Araujo e a subdirectora do GFFF, Miriam P. Álvarez, que están traballando nun documental sobre a súa figura. Nesta charla, o público poderá descubrir detalles fascinantes da vida e carreira deste singular actor.

Un vigués entre as estrelas

Luis Barboo, rexistrado ao nacer como Luis Bar Boo, formou parte dunha familia con gran peso na historia da cidade. O seu pai, Pepe Bar, foi un dos impulsores da fusión que deu lugar ao Real Club Celta de Vigo; e o seu irmán, Xosé Bar Boo, foi un destacado arquitecto responsable de obras emblemáticas da cidade como o Policlínico Cíes.

Barboo comezou a súa carreira artística como acróbata e especialista en Madrid, e pronto entrou no mundo do cinema participando en producións como Sandokán, el magnífico (Umberto Lenzi, 1963) xunto ao emblemático Steve Reeves. En 1964, debutou como actor secundario nun dos westerns máis lembrados da historia do cinema: Por un puñado de dólares, de Sergio Leone, onde compartiu pantalla con Clint Eastwood.

150 películas

Durante o seguintes tres décadas, Barboo participou en case 150 películas, moitas delas pertencentes ao xénero spaghetti western, onde interpretou viláns e secundarios de acción grazas á súa impoñente presenza física e a unha cicatriz na cara moi característica. Traballou con actores como Bud Spencer, Lee Van Cleef, Raquel Welch, Christopher Lee, ou os seus amigos e compañeiros Frank Braña e Aldo Sambrell.

Nos anos 70 tamén formou parte do chamado fantaterror español, e apareceu en filmes de Amando de Ossorio, Jesús Franco, Paul Naschy ou Juan Piquer Simón, como Las garras de Lorelei, El retorno del hombre lobo o Misterio en la isla de los monstruos.

O seu particular rostro converteuno nun habitual das escenas de acción máis intensas, morrendo unha e outra vez en pantalla: a tiros, atravesado por frechas de ballesta, vítima de explosións, desprendementos de terra, infartos, lategazos, queimado vivo ou atravesado por unha espada. Por iso, a homenaxe concluirá coa entrega do novo Premio Luis Barboo, que se outorgará ao actor secundario máis sufrido da Sección Oficial. O galardón fallarase o 27 de setembro durante clausura do GFFF.

Con esta homenaxe, o GFFF busca reivindicar a figura de #Luis Barboo, así como poñer en valor o traballo dos especialistas e actores secundarios, profesionais esenciais que moitas veces quedan no anonimato, a pesar de ser fundamentais para a maxia do cinema.


Tamén en vigoalminuto


9 ANOS DE ABSOLUTO FREAKISMO 

O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Desde 2017 trae á cidade olívica unha coidada selección nacional e internacional de curtametraxes de xénero. Pezas moitas veces inéditas en Galicia e España, só desfrutables nalgúns dos mellores festivais do mundo.

Unha abraiante selección de obras, unha coidada programación de actividades paralelas e un ambiente único fan que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan  a Vigo para gozar do GFFF, unha experiencia que vai alén do cinematográfico e que se converte nunha auténtica experiencia de comunidade freak.

Un festival único na nosa contorna, que cada ano gaña máis adeptos e que por méritos propios xa falan del como o festival de cinema máis divertido de Galicia, e un dos festivais de xénero da península ibérica que non te podes perder.

Te podría interesar