‘Bandeira Negra’ dos ecoloxistas para a Illa de Toralla

E a casa de Feijóo en Tirán

'Bandeira Negra' dos ecoloxistas para a Illa de Toralla

Ecoloxistas en Acción vén de presentar o seu informe Bandeiras Negras 2025, outorgando un total de 48 Bandeiras Negras, dúas por província e/o cidade autónoma, unha Bandeira Negra por contaminación e outra por mala xestión ambiental das costas do Estado español. En Galicia o informe recolle 6 bandeiras negras coas afeccións ambientais máis graves no litoral galego, “aínda que non son as únicas, podería ser unha longa lista pero só recollemos as máis rechamantes”, segundo advirten desde a organización ecoloxista. 


Tamén en vigoalminuto


Alcoa, Altri, degradación das rías

No informe galego deste ano volven a sinalarse os problemas ambientais provocados pola industria como a balsa de residuos de Alcoa ou a grave ameaza que suporía a instalación da macrofábrica de celulosa de Altri. Non falta a denuncia do tratamento deficiente das augas de refugallos e residuos que xeran as urbes e que son uns dos principais causantes da degradación das rías galegas.

Un ano máis obsérvanse problemáticas similares ás anteriores, “aínda que sen dúbida un dos maiores problemas aos que nos enfrontamos é a apropiación e ocupación do espazo público marítimo terrestre”. Un problema que os ecoloxistas cualifican de acuciante que este ano recibe 3 bandeiras negras nas costas galegas. “A pesar da flagrante ilegalidade destas apropiacións de terreo público, moitas veces algunhas administracións non fan cumprir a lei de Costas. Este desleixo facilitou que se convertira nunha práctica estendida moi por parte de particulares adiñeirados e sociedades mercantís“.

Toralla

Segundo Ecoloxistas en Acción, este é o caso da illa de Toralla e a súa “urbanización privada” que fai que os donos dos chalés “consideren que toda a illa é da súa propiedade e, co consentimento das administracións, negan o libre acceso tanto ao litoral como ao interior”.

Lembran que unha barreira e un vixiante ao final da ponte impiden hoxe o acceso de vehículos e peóns ao interior de Toralla. A decisión parte dos “privilexiados propietarios da trintena de chalets que existen na illa e que non superan os 170 veciños e veciñas e da vista gorda das autoridades”. Unha “prohibición sen sustento legal“.

Asemade, engaden os ecoloxistas, as ampliacións realizadas por algúns dos seus habitantes nos seus terreos e propiedades, “ocupando parte do bordo litoral, impiden o paso de persoas”. Nin sequera se puido levar a cabo a senda peonil de tres metros de ancho ao redor da illa que en 2008 aprobou o Ministerio de Medio Ambiente, daquela dirixido por Elena Espinosa, actual cocelleira de Vigo, para proceder á recuperación do dominio público marítimo-terrestre. 

Noutros casos é o propio Estado quen privatiza encubiertamente un espazo público outorgando concesións a empresas privadas para usos mercantís que restrinxen o libre acceso á poboación. Este é o caso de Isla Pancha, en Ribadeo, onde ademais faise un uso indebido do espazo, xa que este pertence á Rede Natura 2000. “A sobreexplotación turística, cos seus resorts de luxo e instalacións de lecer exclusivas, tamén está detrás de moitas das usurpacións de espazo público e adoita ser constantemente sinalado, ano tras ano, no informe Bandeiras Negras”

A casa de Feijóo

Para os ecoloxistas, unha das bandeiras negras “máis destacada deste ano por apropiación do espazo público marítimo-terrestre é a outorgada a Alberto Nuñez Feijóo, e á súa parella, Eva Cárdenas, por ocupación de espazo público na praia de O Con, costa de Tirán”, no municipio de Moaña.

Aínda que a superficie ocupada non representa unha gran extensión como noutros casos, “si é moi relevante que o infractor consorte sexa o ex presidente da Xunta e actual presidente do Partido Popular de España. A Xunta de Galicia, gobernada polo Partido Popular, acaba de recibir as competencias na xestión dos usos do litoral, tras un polémico e xudicializado traspaso de competencias do Goberno central. Que o propio Alberto Nuñez Feijóo usurpe terreos de dominio público terrestre para o seu beneficio persoal vén confirmar todos os temores de que a onda de reclamación de competencias no litoral realizada polo Partido Popular non ten como fin facer cumprir a lei de Costas, senón retroceder no pouco avanzado na recuperación e rexeneración do litoral e perpetuar a ocupación e apropiación do espazo público realizada por unha minoría adiñeirada”, aseguran os ecoloxistas.

1/11/1990. Pontevedra, Galicia, España. Pescadores capturando marisco frente a la fabrica de ENCE. © Greenpeace / Bob Edwards Fishermen catching shellfish opposite ENCE’s pulp and paper plant at Pontevedra, Galicia, Spain.

ENCE

Finalmente, aínda que non sinalada este ano no informe, hai unha mención especial á factoría celulósica de ENCE na ría de Pontevedra. As instalacións no litoral desta pasteira, cuxa legalidade está en entredito trás admitir Tribunal Constitucional o recurso de amparo presentado polo Concello de Pontevedra”, é un dos “exemplos de ocupación e uso industrial indebido do espazo público marítimo terrestre e de como algunhas administracións amparan as ilegalidades dunha minoría adiñeirada, mentres que aplican a lei sen miramientos ao cidadán común”. As “continuas malas prácticas ambientais de ENCE Pontevedra fixérona merecedora de numerosas bandeiras negras, tendo o récord de Galicia”, conclúe Ecoloxistas en Acción.

Te podría interesar