Comarcas

O presidente da Deputación anuncia en Vigo que se duplican os recursos para as asociacións veciñais

Dos 2,3 millóns orzamentados inicialmente, a 5 millóns de euros

O presidente da Deputación anuncia en Vigo que se duplican os recursos para as asociacións veciñais

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou onte en Vigo o incremento dos programas de Acción Comunitaria —Provincia Comunitaria, +Aqua e Novaqua— ata os 5 millóns de euros a través dunha modificación orzamentaria que o organismo provincial aprobará no vindeiro pleno do 30 de maio.

Acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez e o deputado Javier Tourís, nun encontro con representantes do movemento veciñal na Sede de Vigo da Deputación, López reiterou “o compromiso do goberno provincial coas entidades veciñais cun esforzo investidor sen precedentes no eido da cooperación co tecido asociativo” que, engadiu, busca atender case a totalidade das solicitudes presentadas a estes tres programas.

Provincia Comunitaria: de 1,15 a 2,3 millóns de euros

O presidente salientou que a Deputación de Pontevedra vai incrementar os recursos destinados ás entidades veciñais ata “máis do dobre do orzamentado inicialmente”. Así, a dotación do programa Provincia Comunitaria pasará dos 1,15 millóns orzamentados inicialmente a 2,3 millóns de euros, para cubrir, cunha achega de 6.000 a 10.000€ por entidade, a maior parte posible dos proxectos de mellora dos locais sociais e modernización de equipamentos presentados por estes colectivos a unha liña de axudas que na súa primeira edición repartiu 1,6 millóns entre 170 asociacións.

Plan +Aqua: de 1,15 a 2,3 millóns

A mesma sorte correrá o plan +Aqua, cuxo orzamento increméntase desde os 1,15 millóns iniciais ata os 2,3 millóns de euros. “Trátase dunha liña de axudas pioneira, que recibiu o recoñecemento do Ministerio de Dereitos Sociais, dirixidas a comunidades de usuarios de auga da provincia que busca a mellora dos sistemas de captación, control e consumo deste recurso. Unha iniciativa de éxito que o ano pasado, na súa primeira edición, rompeu todas as expectativas ao repartir 1,6 millóns de euros entre un total de 173 comunidades”.


Tamén en vigoalminuto


Novaqua: de 100.000 a 400.000€

O novidoso plan Novaqua, que se aprobou este ano por primeira vez co obxectivo de impulsar a regularización das traídas veciñais, cuadriplicará a súa dotación desde os 100.000€ iniciais ata os 400.000€.

Estas medidas, concluiu Luis López, “significan un apoio sen precedentes ao movemento veciñal. Queriamos máis beneficiarios, máis recursos e menos papeleo. Uns recursos nunca antes mobilizados cos
que aspiramos a atender case todas as peticións, un total de 752, que recibimos este ano para estes tres
plans”.

O presidente da Deputación remarcou que “se á previsión inicial de récord de 2,4 millóns de euros, lle
engadimos esta inxección adicional de 2,6 millóns, situámonos nun investimento histórico de 5 millóns de euros para o movemento veciñal da provincia”.

Te podría interesar