Comarcas

Comeza o Festival de Cine de Cans máis comprometido

Un dos grandes momentos da primeira xornada será o avance, en exclusiva, das primeiras imaxes inéditas do filme “San Simón”

Comeza o Festival de Cine de Cans máis comprometido

A XXII edición do Festival de Cans arranca este martes nesta aldea do Porriño. A programación proxectará 120 obras, das que 40 son estreas en Galicia. Moitas das obras están marcadas por temáticas como despoboamento, a memoria ou a identidade rural. Pasarán polo festival novas voces do audiovisual galego e cineastas xa consagrados como Alfonso Zarauza, que recollerá o Premio Pedigree de Honor de Cans, Ángeles Huerta, Xacio Baño, Anxos Fazáns, Xiana do Teixeiro ou Daniel Sánchez Arévalo, que protagonizará o coloquio central no Torreiro o sábado ás 12h, entre outros.

Primeira xornada

A primeira xornada do festival comezará mañá ás 10:00 h. coa apertura da exposición “Cans senior” no Centro de día de Torneiros e a inauguración da rúa efémera á cineasta pioneira galega Cruz Risco, coa asistencia da actriz Isabel Risco, familiar da cineasta, e o investigador Xaime Varela, que protagonizarán un coloquio no Baixo de Carlos.

Pola tarde, o día promete emocións fortes centradas na memoria histórica. Os asistentes poderán asistir a unha visita guiada ás 17:00 horas a exposición “Reisiño, o prisioneiro debuxante”, que pon o foco sobre a figura de Alfredo Bautista Alconero “Reisiño” (1912-2000), no 25 aniversario do seu falecemento. Reisiño estivo preso catro anos na Illa de San Simón, onde sufriu a represión franquista e debuxaba aos outros compañeiros presos no seu tempo libre.

Reisiño

En torno á figura de “Reisiño”, proxectarase o documental “Aillados”, de Antón Caeiro, e posteriormente chegará un dos grandes momentos do día, coa avance en exclusiva das primeiras imaxes inéditas do filme “San Simón”, dirixido por Miguel Ángel Delgado. Será un momento moi especial, xa que unha das cancións inéditas do filme foi tomada da propia voz de Reisiño. O compositor Fernando Buide creou a música para esta canción, que será interpretada nas voces de “As Mosas”, o grupo formado polas catro irmáns Domínguez Senlle, a cantante Uxía e as súas irmás Raquel, Chus e Ana.

No seu filme, que se estreará en outono, Miguel Ángel Delgado indaga na memoria da Illa con toda a súa carga simbólica, marcada como lazareto e lugar de represión durante o franquismo. O propio director estará presente na proxeción, con Antón Caeiro, o compositor Fernando Buide e familiares de Alfredo Bautista Alconero “Reisiño”.

Alejandro Loayza

Tamén mañá ás 18:00 horas proxectaranse as curtas nas que o cineasta boliviano Alejandro Loayza, a quen o festival dedica a súa retrospectiva, deixou a súa impronta como director de fotografía, e que ao mesmo tempo representan un escaparate de curtametraxistas lationarmericanos actuais. O público poderá ver Polvo do arxentino Emiliano Longo, Dochera do boliviano Álvaro Manzano Zambrana e Aicha do cineasta chileno Vinko Tomicic, premiadas en diferentes festivais latinoamericanos.  

Mañá martes é o último día para adquirir entradas en liña e só se poderán comprar fisicamente en Cans os días do festival. Para a sección de Ficción quedan as últimas 30 entradas dispoñibles e para Furacáns 60. 

Durante os próximos días, o Festival de Cans ofrecerá unha programación con forte compoñente de reflexión crítica e social. O mércores será o día dos veciños con homenaxes á señora Alicia e ao señor Adriano e Antes de nós, de Ángeles Huerta, será o filme de apertura do festival o próximo xoves 22 de maio no Círculo Recreativo e Cultural (CRC) do Porriño, e contará coa presenza en Cans da súa directora Ángeles Huerta e dos actores protagonistas Xoan Fórneas e Cris Iglesias. 

AXENDA MARTES

  • 10 h Apertura da exposición “Cans Senior”
  • 10.30 h Inauguración Rúa Efémera “Cruz Risco”
  • 11 h Cineherdanzas: coloquio sobre a cineasta Cruz Risco con Xaime Varela e Isabel Risco
  • 12.30 h Masterclass: “Subtitulado e accesibilidade” con Pablo Romero Fresco
  • 17 h Visita guiada a exposición “Reisiño, o prisioneiro debuxante”
  • 18 h Retrospectiva das curtas internacionais “Alejandro Loayza”
  • 19.30 h Proxección do documental “Aillados” de Antón Caeiro e coloquio. Avance do filme “San Simón”

Te podría interesar