Galicia xa é un dos destinos máis demandados por turistas españois e extranxeiros. En 2024, 8,2 millóns de viaxeiros aloxáronse nalgún establecemento da Comunidade, un número moi por riba dos 5 millóns de 2019 -o ano anterior á pandemia- e aos que hai que engadir que medio millón de peregrinos que remataron o Camiño de Santiago, e o feito de que o 30% de todas as persoas que nos visitaron procederan doutros países.
O ano pasado rexistrouse o maior número de pernoctacións de turistas estranxeiros de toda a serie histórica: máis de 4 millóns- medrando, especialmente a chegada de estadounidenses (+22%); italianos (+11,8%) e alemáns (+5%)- e aumentando ata 170 euros o gasto medio realizado, o que supón un 14,3% máis que no 2023.
Estes datos reafirman que o sector turístico é un dos motores da economía galega, superando os 432 millóns de euros de ingresos no sector en 2024, e un piar na modernización, actualización e xeración de novos empregos.
Á vista destes datos, o impulso e o fomento das posibilidades que ofrece Galicia, non só durante os meses de verán, senón ao longo de todo o ano, é un paso necesario. De aí que o Goberno galego acometese xa diferentes iniciativas para fomentar a desestacionalización, apostando por alternativas como o turismo náutico e proxectos como o futuro Centro de Recepción de Turistas Náuticos no peirao de Vilagarcía de Arousa que vai supoñer un impulso para a Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla, a única do Camiño de Santiago que permite peregrinar por mar, augas fluviais e por terra.
Turistas Náuticos
A Xunta destina preto de 800.000 euros ás obras de transformación da antiga estación marítima nun moderno centro de recepción de turistas e de promoción de actividades deportivas vencelladas ao mar. A intención de Turismo de Galicia é que o inmoble, cedido polo Concello de Vilagarcía de Arousa, comece a funcionar este mesmo verán como albergue público de peregrinos.
Nesta liña, a principios de febreiro o presidente Rueda, durante a presentación do futuro Centro, reiterou a importancia de desestacionalizar o turismo e o compromiso do seu goberno con este propósito, ofrecendo novas alternativas. Este mes de marzo, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, insistiu na aposta do Goberno galego por este obxetivo que se fai realidade tamén co novo albergue no peirao de Vilagarcía de Arousa que vai supoñer un impulso para a Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla.
O edificio, unha vez reformado, disporá dunha recepción de peregrinos, lavandería, cociña-comedor e cinco dormitorios. Ademáis, contará dun cuarto para persoas con mobilidade reducida.
A Xunta asumirá a súa xestión, incluindo o mobiliario, a contratación do persoal e a administración e funcionamento diario do Centro.


