A Borrasca Herminia está deixando pegada no seu paso por Galicia, e este domingo rexistráronse 187 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa. De forma maioritaria, destaca a presenza de caídas de árbores e obxectos varios nas estradas.
Ningunha das máis de 180 intervencións contabilizadas no 112 Galicia representaron unha situación grave para as persoas, pero si cómpre destacar que ás 10:15 en Pobra do Caramiñal, na Rúa de Atalaia, debido aos efectos dos fortes ventos unha marquesiña duns 3 metros voou e impactou contra un vehículo. Non houbo persoas feridas e desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Ribeira e dos axentes da Garda Civil.
Ás 04:55 horas unha árbore caeu sobre un coche na LU-122, no quilómetro 5, na parroquia de Crecente, no concello da Pastoriza. O vehículo sufriu danos materiais, pero afortunadamente non houbo persoas feridas.
Pouco despois, ás 05:40 horas, un condutor chocou contra unha árbore caída na DP-1914, no quilómetro 13, ao seu paso por Anxeriz, no concello de Tordoia. O impacto non provocou danos persoais, pero a estrada quedou completamente cortada.
En Burela, ás 06:30 horas, na Avenida de Arcadio Pardiñas, o forte vento desprendeu varias chapas dun tellado que acabaron sobre as vías do tren, facéndoas intransitables. A circulación ferroviaria foi interrompida no tramo afectado
Tamén, ás 08:55 horas un vehículo en Pol, na LU-750, impactou contra unha árbore que estaba na estrada. Segundo indicaba, a árbore estaba obstaculizando a circulación por completo. O incidente saldouse sen feridos e foi necesario mobilizar aos axentes da Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil para restablecer as condicións da vía.
Con todo, é necesario indicar que o groso das incidencias provocadas pola situación meteorolóxica adversa tiveron lugar na provincia da Coruña (94), seguida de Lugo (52), Pontevedra (28) e Ourense (13).
Máis novas
- Máxima alerta: buscan a un hombre tras intentar matar a su expareja en As Neves
- Fnac Live debuta en Castrelos el 16 de agosto con The Rapants, Fillas de Cassandra y Eladio y los Seres Queridos
- Detenido en Vigo un hombre acusado de más de 40 robos en comercios y oficinas en nueve meses
- Renfe ajusta los trenes Vigo–Madrid y el alcalde convierte el cambio en un conflicto político
- El Bono Cultural Joven cambia: ya podrás gastar los 400€ en instrumentos, cursos y material artístico
- Redondela é o único concello de máis de 20.000 habitantes da provincia sen un gran auditorio
Árbores na estrada, cables ou derrubamentos
En canto ao tipo de incidencias xestionadas, destacan a presenza de árbores e pólas nas estradas, con 98 incidencias xestionadas, seguido dos obxectos varios nas estradas (21), e a presenza de cables (18). Tamén subliñar a presenza de 13 incidencias xestionadas por derrubamentos e as 17 intervencións dos equipos de emerxencias para evitar males maiores.
As condicións meteorolóxicas seguen a ser complexas, e os servizos de emerxencia continúan traballando para garantir a seguridade naquelas zonas máis afectadas.
Concellos máis afectados
Entre os concellos máis afectados atópanse Ordes, Santiago de Compostela e Culleredo, na provincia da Coruña. En Lugo, destacan Burela e Cervo tamén Pontevedra capital e na provincia de Ourense, Boborás, a propia cidade de Ourense e San Cibrao das Viñas.






