O Bloque Nacionalista Galego vén de propor que se abra o debate a respeito da aplicación na cidade de Vigo dunha taxa turística. Con ese obxectivo, demandan ao Goberno municipal que o Concello elabore en colaboración coa Universidade de Vigo un estudo técnico.
Este martes, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que este debate é «imprescindíbel» diante do aumento moi agudo do turismo que recibe a nosa cidade. Neste sentido sinalou que, en datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), Vigo recibiu o ano pasado 3,28 turistas por cada habitante – o que representa máis de 984.000 visitantes- «superando en termos totais o turismo recibido por Santiago de Compostela».
Aliás, rexistrouse un aumento dun 72,47% das pernoctacións hoteleiras nos últimos 10 anos, pasando de menos de 575.000 no 2013, a preto de 1 millón o pasado ano.
Que o turismo contribúa ao gastos da cidade
Igrexas explicou que para o BNG a taxa turística «debe ter por obxectivo que o turismo contribúa tamén ao sostemento dos gastos que supón para a cidade e que arestora asumen as viguesas e os vigueses e que permita paliar os impactos negativos que a actividade turística ten para Vigo».
Así, o voceiro nacionalista engade que «cremos que pode representar unha medida que poña couto ao brutal avance do fenómeno ultraespeculativo dos pisos turísticos«.
Outras novas en vigoalminuto
- Marín acoge el Campeonato Gallego de Kickboxing y Muaythai 2026, con récord histórico de participación

- El próximo día 23 abre el plazo para solicitar plaza en las escuelas infantiles municipales

- El Gobierno estudia bajar el IVA de la electricidad para contener los precios ante la crisis energética

- Sánchez exige a Caballero auditar las cuentas de la Entidad Local Menor de Bembrive, por «opacidad y corrupción»

- Detenido en Vigo por conducir bajo los efectos de las drogas, llevando a su hija de 9 años en el coche

- Vivimos en un ‘Vigo verde’ según el alcalde, al que el BNG acusa de crear una “ciudad escaparate” para Instagram

Turismo sustentábel
Esta é a motivación que leva ás nacionalistas a demandar do Goberno municipal que o Concello elabore, en colaboración coa Universidade, un estudo como xa o realizado por outras cidades que permita determinar a necesidade e características que debería ter esta taxa atendendo ao tipo de turismo que se recibe na cidade, cunha forte presenza, por exemplo, de cruceristas.
«Entendemos que a taxa turística é unha medida útil no camiño de impulsarmos un modelo de turismo sustentábel e non masificado, que xere retornos e achegue valor engadido, desenvolvendo as enormes potencialidades da cidade no ámbito do turismo MICE (congresos y exposiciones), cultural, ecolóxico e deportivo», argumenta o portavoz municipal nacionalista.
Unha proposta que defenden, apuntou, «desde o compromiso de avanzarmos cara a un Vigo máis habitábel e medio ambientalmente sustentábel que non fique reducido a un parque temático para o excursionismo de masas».
