Galicia

Volve ‘IRIBARNE’ cunha intensa xira de outono

Dende este próximo venres, día 4, cunha visión diferente de Manuel Fraga

 Imaxes: Geraldine Leloutre/ IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero, regresa aos escenarios despois dunha merecida pausa estival e tras clausurar dous destacados encontros das artes escénicas: a 40ª Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, na que recibiu o Premio do Público e o 25 Festival de Teatro de Olite de Navarra, así como a súa recente participación na recoñecida Feria Internacional de Teatro y Danza de Huesca, na que os programadores a destacaron como a mellor montaxe desta edición.

Xira de outono

Nesta xira de outono, que comeza o vindeiro venres, día 4 en Rianxo, estarán en numerosas localidades galegas como Tui, Carballo, Oleiros, Vimianzo e Gondomar, e doutras comunidades autónomas: Logroño, Castelló, Murcia, Rivas Vaciamadrid e Girona.


Tamén en vigoalminuto


IRIBARNE

É o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica.

A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como «un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia». Segundo ela, é «o traballo máis difícil que escribín ata agora» e engade que «foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar».

Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, «este personaxe é inabarcable» e «entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo», e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun «silencio tácito arredor da historia política recente», e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. «Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia», apunta Carrodeguas.

Máis que teatro

En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais.

De feito, é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, tamén está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas.

Posta en escena

A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. «Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España», sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro Lidia Veiga– se vai dando o relevo para interpretar o protagonista. Trátase dunha «peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver», afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco.

«Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país», afirma Castiñeira. «Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado», conclúe o director.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.