A Deputación de Pontevedra esgotou en menos dunha hora todas as prazas dispoñibles para participar nas últimas rutas deste ano do programa provincial +Bosques, que se desenvolverán no mes de outubro, así como na próxima excursión de Voando nas Rías Baixas, que terá lugar o 29 de outubro polos campos e lagoas de Rouxique, en Sanxenxo.
+Bosques
No relativo a +Bosques a institución provincial programou o vindeiro mes un total de 8 percorridos, a celebrar todos os sábados e domingos do mes, desde o sábado 5 no cabo Udra, en Bueu, ata o domingo 27, no pazo de Lourizán, en Pontevedra. Cun máximo de 15 participantes por actividade, unha vez completada a súa capacidade a Deputación mobilizará un total de 120 persoas neste programa.
Máis polo miúdo, as rutas programadas en outubro son:
- no cabo Udra (Bueu) o sábado 5
- Río Almofrei (Pontevedra) o domingo 6
- na illa de Tambo (Poio) o sábado 12
- lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) o domingo 13 e o sábado 26
- no pazo de Lourizán (Pontevedra) o sábado 19 e o domingo 27
- e no río Xabriña (Covelo) o domingo 20
Con estas saídas péchase a programación de 40 itinerarios en sete espazos naturais, tanto da costa como do interior da provincia, cos que se pode coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. As rutas concíbense como unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Así, promoverase a estimulación sensorial a través dos cinco sentidos, así como exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.
Ademais en vigoalminuto
- Dertenido en Vigo por falsificar un permiso de residencia y ceder su uso a otros compatriotasUtilizaban dicha documentación para hacerse pasar por el titular y poder trabajar
- Estas son as axudas da Deputación a clubs deportivos que participan en competición estatalPreto de 30 equipos de Vigo recibirán máis de 300.000€
- ‘Volcán islandés de nombre impronunciable’, la nueva novela del vigués Iago MéndezYa a la venta
Voando nas Rías Baixas
No relativo a Voando nas Rías Baixas a Deputación tamén esgotou este luns en menos dunha hora as 25 prazas dispoñibles para participar na 6ª ruta ornitolóxica do programa. Impulsada pola institución provincial da man de Seo/BirdLife, terá lugar o domingo 29 de setembro nos campos e lagoas de Rouxique, en Sanxenxo. Ademais da lista de participantes, a institución provincial tamén pechou a lista de agarda das persoas que serán chamadas a participar no caso de que algunha das inscritas non poida asistir.
Lagoas de Rouxique
As lagoas de Rouxique son un espazo protexido pola Rede Natura 2000 no que conviven os campos de labranza coas antigas lagoas de extracción de barro. No outono, nesta ruta destacan os pasos migratorios de paxaros coma o chasco norteño, o papamoscas negro ou o picafollas musical.
Tamén é posible ver aves acuáticas das lagoas (coma o pato frisado, o rabilongo, o asubión, o cullerete, etc.), a galiñola negra ou o mergullón pequeno, algunhas aves rapaces coma o lagarteiro común ou a tartaraña das xunqueiras, e os cullereiros, garzas e gran variedade de limícolas da contorna.
O programa Voando nas Rías Baixas contempla en 2024, ademais dos cinco percorridos xa realizados e este polos campos e lagoas de Rouxique, unha última ruta ornitolóxica por outro espazo da provincia de alto valor ecolóxico e protexido pola Rede Natura 2000: será en novembro no esteiro do río Miño (A Guarda.