O Bloque Nacionalista Galego propón mobilizar 25 millóns de euros adicionais dos remanentes municipais para aumentar os recursos do Concello de Vigo para emprego, vivenda, política social, transporte, montes e investimentos nos barrios e parroquias. A fronte nacionalista vén de formular emendas á modificación orzamentaria do Goberno de Abel Caballero para «mellorar as políticas municipais nestas áreas e evitar que estes recursos resulten bloqueados o vindeiro exercicio».
‘Permanante inexecución’ dos orzamentos municipais
Así o anunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerando que estes remanentes, resultado da «permanente inexecución» dos orzamentos municipais pola «incapacidade e falla de xestión» do Goberno local, teñen que «ser devoltos ás viguesas e vigueses en forma de políticas que atendan as necesidades reais e non unicamente enterralos en obra inaugurábel e pagos a grandes empresas».
20 millóns para Vitrasa, HALO e sentencia xudicial dos aparcadoiros privados
Igrexas cuestionou así que o Goberno de Caballero vaia destinar 20 dos 31 millóns do modificativo de crédito (dos case 115 millóns dispoñíbeis en remanentes) a unha nova indemnización a Vitrasa, a facer fronte a sentenza xudicial polos aparcamentos privados e a un último pago polo ascensor HALO.
Por estes motivos, dende o BNG veñen de trasladar 6 propostas concretas para mobilizar 25 millóns de euros adicionais, para atender os principais problemas da cidade, advertindo novamente do risco de que estes remanentes non poidan ser utilizados a partir do próximo ano polo previsíbel levantamento da suspensión da regra de gasto.
PLAN CIDADE – 12,5 millóns de euros
Co obxectivo de poñer fin ao «continuado abandono» que padecen os barrios e parroquias de Vigo, a fronte nacionalista chama a poñer en marcha a cargo dos remanentes o denominado ‘Plan Cidade’, un programa plurianual e extraordinario de investimentos dotado con 12,5 millóns de euros para atender as necesidades de toda a cidade, con participación directo do movemento veciñal na definición dos usos.
Plan Emprego Municipal – 1,2 millóns
Outro dos eixos prioritarios a xuízo do Bloque é o laboral, nun momento no que a cidade continúa a ter máis de 15.000 persoas no desemprego. Por este motivo, propoñen duplicar a actual partida destinada ao Plan de Emprego Municipal, incorporando 1,2 millóns adicionais. No entanto, o portavoz nacionalista afeou que en pleno mes de agosto continúa sen convocarse o plan correspondente a este ano.
Axuda Social Extraordinaria – 6 millóns
Diante da emerxencia social que atravesa a cidade, con máis de 60.000 viguesas e vigueses en risco de exclusión social e pobreza, o BNG pide convocar unha Axuda Social Extraordinaria dotada con 6 millóns de euros este 2024, e que sexa complementaria a outras axudas como a Risga, IMV, PNC ou RAI. «Trátase de recuperar o Cheque Social que fora impulsado polo BNG e que o Goberno de Caballero suprimiu hai varios anos», subliñou o voceiro municipal do Bloque.
Plan Facilitador do Alugueiro – 2,25 millóns
A fronte nacionalista reiterou ademais a súa proposta dun Plan Municipal Facilitador do Alugueiro con 2,25 millóns de euros que, entre outras medidas, permita que o Concello asuma e responda polos avais e seguros que están esixindo á hora de formalizar un alugueiro, ademais dunha liña de axudas para anticipar os pagos das fianzas e permitir a súa devolución en 24 meses sen xuros, destinada especialmente a mocidade e persoas con baixos recursos. «Unha medida destinada especialmente á mocidade e ás persoas con baixos recursos, multiplicando por 15 a raquítica partida de subvencións de rehabilitación para alugueiro que vén de aprobar o Goberno municipal», defendeu Igrexas.
Bus gratuíto para desempregadas e menores de 14 anos – 1 millón
Dende o BNG insistiron tamén na necesidade de facilitar o acceso ao transporte urbano dos colectivos máis vulnerábeis da cidade. Así, demandan alargar as bonificacións actuais da Pass Vigo para facer gratuíto o bus para as persoas en situación de vulnerabilidade, perceptoras de axudas sociais e desempregadas de longa duración cunha partida de 1 millón de euros neste exercicio. Do mesmo xeito, piden que non teña ningún custo para as menores de 14 anos, na liña doutras cidades galegas.
Anel verde – 2,5 millóns
A fronte nacionalista considera que «dunha vez por todas» ten que facerse realidade o anel verde de protección forestal, prometido tanto polo Concello de Vigo como pola Xunta de Galiza após os graves incendios do ano 2017. Para este fin, o Bloque chama a destinar este ano 2,5 millóns para despregar o proxecto en colaboración coa Mancomunidade de Montes en Man Común de Vigo.
