Deportes

Queres ser piloto de rallyes?…mira como podes logralo

A Deputación abre a inscrición para ‘+Talento Motor’

Queres ser piloto de rallyes?...mira como podes logralo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou unha iniciativa pioneira relacionada co
automobilismo: o ‘+Talento Motor’. Trátase dunha “academia” para formar a 30 novos pilotos da que
sairá un gañador que participará cun coche patrocinado pola Deputación nos cinco rallys que compoñen o campionato galego.

Acompañado pola vicepresidenta a responsable da área de Deportes, Luisa Sánchez, o titular do goberno
provincial explicou que este novidoso proxecto ten o obxectivo de promocionar a modalidade dos rallys entre os pilotos máis novos da provincia de Pontevedra para que poidan competir nos campionatos galegos desta disciplina.

26 de maio no circuíto de Forcarei

A actividade consiste nunha xornada de formación práctica e teórica que terá lugar o día 26 de maio no circuíto de Forcarei. Alí os participantes participarán nun proceso de selección en formato de eliminatorias do que sairá un gañador, que recibirá un premio baseado nun curso de competición, a
inscrición nos cinco rallys que compoñen o campionato galego e a cobertura dos gastos.

Inscrición

O prazo de inscrición xa está aberto e os interesados terán ata o 23 de maio para enviar a súa solicitude. Aínda que o número de prazas é de 30 participantes, o presidente da Deputación confirmou que non quedará ningún piloto fóra, polo que se é necesario ampliarase o número de prazas.

Os requisitos para participar pasan por ter entre 18 e 24 anos, estar empadroado na provincia de
Pontevedra e non ter competido en máis de dúas probas autonómicas que requiran estar en posesión
dunha licenza federativa.

“É unha iniciativa para axudar aos deportistas máis novos da provincia a progresar”, resumiu Luis López a razón de ser deste programa que se organiza por primeira vez a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo e a escudaría AMF Motorsport.

“Escenario das mellores competicións deportivas”

“Queremos converter á provincia de Pontevedra no gran escenario das mellores competicións deportivas e para acadar esta meta precisamos un sector que demostre a súa calidade en todos os ámbitos: no talento dos seus deportistas, no compromiso coas directivas dos clubs e no bo estado das infraestruturas. E para iso é tan necesario o talento técnico e deportivo como a axuda das institucións públicas”, afirmou a vicepresidenta Luisa Sánchez.

También te puede interesar