Galicia

Dictan en Vigo a primeira sentenza que recoñece a igualdade do permiso de 22 semanas por nacemento ou adopción

Logo da demanda interposta pola CIG-Ensino

Dictan en Vigo a primeira sentenza que recoñece a igualdade do permiso de 22 semanas por nacemento ou adopción

Os dereitos de conciliación, a corresponsabilidade nos coidados dunha filla e a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego, “obrigan a Consellaría de Educación a estabelecer unha duración idéntica no permiso por nacemento, tanto para a nai biolóxica como para o outro proxenitor. Isto é o que vén de ditaminar un xulgado galego nunha sentenza gañada polos servizos xurídicos da CIG-Ensino. 

Ata 22 semanas

A sentenza recoñece o dereito dun profesor a ampliar en 6 semanas o permiso de 16 semanas que previamente solicitara polo nacemento dunha filla para, deste xeito, ser tratado en igualdade de condicións que lle corresponderían se fose a nai biolóxica. 

Así, a decisión do xulgado do contencioso administrativo de Vigo, é firme e non cabe recurso algún contra ela. “Nela, afírmase con rotundidade que a distinción que fixa a Xunta entre nai biolóxica e a outra persoa proxenitora incumpre as directivas europeas de aplicación“.

A sentenza chega despois dunha anterior, tamén gañada pola CIG, da sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que afectaba a un traballador do Consorcio Galego de Benestar e Servizos Sociais. 

Esixirán cambios á Xunta

A CIG-Ensino xa solicitara da Consellaría de Educación, unha vez coñecida  esa primeira sentenza, a aprobación dunha normativa para poder aplicar ao profesorado os cambios necesarios na Orde de permisos docentes, recoñecendo a extensión a 22 semanas desde as 16 actuais para a persoa proxenitora diferente da nai biolóxica.

O sindicato trasladou a mesma solicitude a Función Pública para aplicar ese dereito con carácter xeral a todo o persoal que traballa na Xunta. A resposta foi a interposición dun recurso de casación perante o Tribunal Supremo pola Xunta, “nunha clara estratexia de gañar tempo e evitar temporalmente a extensión desas 6 semanas aos pais ou nais non biolóxicas”.

O recurso ante o Supremo está aínda pendente de resolución. “Durante todo este tempo (en xuño cumprirase un ano) as persoas que tiveron crianzas viron limitados os seus dereitos por unha actitude da Xunta e da propia Consellaría de Educación de imposíbel xustificación”

Rectificación

A CIG-Ensino demanda novamente que Educación rectifique e que leve á Mesa Sectorial unha modificación da Orde de permisos para o persoal docente para igualar en 22 semanas o permiso por nacemento para quen na parella non é a nai biolóxica ou principal. 

Á espera de coñecer a resposta da Consellaría o sindicato recomenda a aquel profesorado que teña un fillo ou unha filla que aínda non cumprira un ano a presentar unha solicitude de ampliación do permiso, tendo en conta que as datas que propoña para a ampliación teñen que ser antes de que se cumpra o ano de vida da crianza. “Se a Consellaría se nega a aplicar este dereito con carácter xeral só queda a opción de reclamalo, tanto na vía administrativa como na xudicial”.

También te puede interesar