Galicia

Multa de 98.500€ á Comunidade de Montes de Cabral polas obras no nacemento do Lagares

Logo da denuncia da Asociación de Veciños e Empresarios de Cabral

Multa de 98.500€ á Comunidade de Montes de Cabral polas obras no nacemento do Lagares

Segundo informa a Asociación de Veciños e Empresarios de Cabral (AVEECA), a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia impuxo unha sanción de 98.500 € á Comunidade de Montes Santa Mariña de Cabral, “como presunta responsable das obras executadas á beira do río Lagares, moi preto do seu nacemento”. Ditas obras xa foran denunciadas por AVEECA o pasado mes de outubro.

Así, indican dende a asociación, no expediente reflíctese o carácter “grave” desta actuación, esencialmente por “destruír ou alterar o hábitat de exemplares incluídos no Catálogo Galego de Especies Ameazadas”. A Xunta esíxelles tamén que repoñan o tramo de río afectado ao seu estado anterior.

Dende 2023

O caso remóntase ao mes de agosto de 2023, cando se pide informe ao Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente sobre unhas obras que pretende realizar a Comunidade de Montes de Cabral no dominio público hidráulico e zona de Policía na Lagoa de Mol, xunto ao Aeroclub de Vigo. “Na solicitude especificábase que se retirarían ás árbores mortas ou caídas e faríanse tarefas de roza da maleza e de clareo das árbores en bo estado na zona de servidume, realizándose por medios manuais a actuación no leito”.

A Consellería respondeu que era necesario un estudio das afeccións e impacto sobre o medio fluvial e sobre o patrimonio natural adxacente. Pero o 18 de outubro, data na que Aveeca interpuxo a súa denuncia ante o Concello de Vigo, o Seprona da Garda Civil, constatou que “o Lagares, cerca da súa cabeceira e augas arriba da Lagoa de Mol, fora desviado por unha máquina escavadora e que numerosos pés de árbores de ribeira foran arrancadas“.

A morfoloxía do río, alterada

Os axentes matizaron que a actuación afectaba a unha extensión de terreo duns 250 metros de longo e alteraba a morfoloxía do río, “eliminando meandros e cortando a comunicación das augas da zona húmida coa canle orixinal”. Mencionaron tamén a corta de árbores e limpeza de maleza adxacente, así como traballos silvícolas no corredor fluvial e no seu bosque galería.

O Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra emitiu finalmente o seu informe, no que incluíu a denuncia de Aveeca que lle remitira o Concello vigués, e “resolveu que na área en cuestión hai un ameneiral que constitúe unha zona ben conservada de interese comunitario, resultando afectadas tamén varias especies catalogadas como vulnerables, en concreto, a salamántiga rabilarga, a ra patilarga e un narciso clásico (narcissus cyclamineus)”.

Repoñer o “tramo destruído do río Lagares”

Resolveu impoñer á Comunidade de Montes de Santa Mariña de Cabral unha sanción de 98.500 euros, “considerada de contía media para un tipo de infracción grave”, e fixou un prazo de 3 meses para restablecer a legalidade mediante a restauración do medio natural ao estado anterior, “repoñendo o tramo destruído do río Lagares”. Así mesmo, “os comuneiros terán que presentar previamente un proxecto de restauración ante a Consellería de Medio Ambiente e non poderán comezar a executalo sen a autorización da Administración”.

También te puede interesar