Destacados Vigo al minuto

Os 500 alumnos do Instituto de Beade levan 6 meses sen auga potábel

O centro ten que pagar do seu orzamento auga embotellada

O Bloque Nacionalista Galego reclama actuacións urxentes no Instituto de Educación Secundaria de Beade, que leva dende finais do ano 2023 sen subministro de auga potábel. Así, os nacionalistas esixen que a Xunta, como responsábel do centro, e o Concello de Vigo, como titular da rede de subministro, cooperen para resolver canto antes os problemas provocadas pola presenza de chumbo e ferro na auga, causando un «evidente prexuízo» na comunidade educativa.

Auga embotellada pagada polo centro

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou esta situación de «incomprensíbel» e amosou o seu estupor polo feito de que o propio centro estea a asumir o gasto para facilitar auga embotellada as arredor de 500 alumnas e alumnos deste instituto público pola falla de resposta de ambas administracións.

Igrexas urxiu o Goberno de Abel Caballero a que ordene á concesionaria do servizo de abastecemento, Aqualia, que realice novas análises oficiais para determinar o estado da auga no centro educativo así como para esclarecer a orixe destes materiais pesados, co obxectivo de iniciar o antes posíbel as reparacións necesarias para restablecer o subministro de auga potábel.

Aliás, dende o Bloque consideraron que tanto a Xunta como o Concello teñen que cooperar para fornecer ao centro de auga potábel mentres non se soluciona o problema,  evitando así que o centro siga facendo fronte a este gasto co seu escaso orzamento.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.