Destacados Vigo al minuto

Patrimonio autoriza a urbanización do Polígono 3 de Navia

No mesmo está prevista a construción de 201 vivendas protexidas

Patrimonio autoriza a urbanización do Polígono 3 de Navia

A delegada da Xunta e o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, anunciaron este xoves que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural comunicou xa ao Concello de Vigo o visto e prace ao proxecto de urbanización do Polígono 3 do Plan Parcial de Navia. Así o avanzaron durante unha visita ás obras do Polígono 1 que comezaron o pasado mes de outubro.

“Os traballos de urbanización deste ámbito para poñer a disposición dos vigueses un total de 201 vivendas de promoción pública marchan a bo ritmo, pero ademais xa hai autorización para urbanizar un novo polígono”, sinalou Ana Ortiz.

Con condicións

O departamento de Patrimonio Cultural aprobou o documento para urbanizar un dos tres polígonos que delimita a 2ª Modificación Puntual do Plan Parcial de Navia.  Este documento para a aprobación inicial é un proxecto de obras que define as actuacións de execución da urbanización segundo a ordenación establecida no planeamento aprobado. Iso sí: o informe favorable autoriza o proxecto e indica varias condicións.

Desta maneira apunta que se deberá incorporar os muros de pedra existentes da horta catalogada ás zonas verdes do polígono. Ademais, deberase incrementar a densidade de árbores do aparcamento na fronte ao camiño dos Pelamios.

Pola súa banda, Heriberto García apuntou que o seu departamento “xa licitou todos os contratos” correspondentes á promoción das 201 vivendas proxectadas no polígono 1 por un importe global de algo máis de 40 millóns de euros. Así mesmo, lembrou que neste mesmo ámbito de Navia o IGVS tamén prevé construír outras 58 vivendas de protección, cofinanciadas con fondos europeos e nas que o investimento estimado ascende a case 14 millóns de euros.

Proxecto do Polígono 1

Ana Ortiz e Heriberto García fixeron un percorrido polas obras que se están a levar a cabo no Polígono 1 do Plan Parcial San Paio de Navia. Os traballos comezaron o pasado mes de outubro e se prolongarán durante todo o ano 2024 para poñer a disposición dos vigueses solo urbanizado sobre o que desenvolver novas vivendas de promoción pública e privada.

Ata o momento, no Polígono 1 realizáronse traballos de despexe e desbroce do terreo; transplante de árbores a conservar en futuras zonas verdes; poda e limpeza das árbores e plantas que se conservan; tratamento de especies invasoras; demolición das edificacións e muros; xestión dos residuos das demolicións; así como inicio do movemento de terras coa escavación de terra vexetal, escavación de desmonte e o recheo en parcelas.

1.600 vivendas protexidas

No PAU de Navia está prevista a constución de 1.600 vivendas protexidas cun investimento público-privado superior aos 260 millóns de euros. En concreto, 201 vivendas públicas -que estarán destinadas en exclusiva ao alugueiro- hai que engadir outras 526 que serán vivenda protexida pero impulsadas por promotores privados. Ademais, o Goberno galego vai sacar a concurso este ano 98 parcelas nesta zona para que os promotores poidan construír ata 331 vivendas.

También te puede interesar