Cultura

O Entroido volve a Porriño esta fin de semana

Coincidirá o sábado con ‘Merca na rúa’

O Entroido volve a Porriño esta fin de semana

O Porriño non se resigna a quedar sen Entroido. Tras ter que suspéndelo en dúas ocasións polas malas condicións meteorolóxicas e aproveitando que o tempo dará un pouco de tregua, a vila do Louro xa o ten todo preparado para retomar a programación.

Sábado

Arrancará o sábado 16 co concerto de La Patrulla ás 12:00h como antesala do pregón do Entroido a cargo dos usuarios e usuarias de Afaga Alzhéimer, que será ás 13:00h. Non faltará tampouco o Xogo da Ola que celebrará a súa 80 edición ás 16:00h.

Xa pola tarde, a partir das 17:30 h sairá do pavillón municipal o gran Desfile de comparsas e ao seu remate, concerto de ‘Los coleguitas’ na praza do Concello.

Domingo

O domingo despedirase o Entroido deste ano como como corresponde, co velorio e enterro da Sardiña. Ás 17:00h abrirá as súas portas a capela ardente no Círculo Recreativo Cultural e ás 18:00h a comitiva fúnebre iniciará o seu periplo ata a praza Arquitecto Antonio Palacios, onde se procederá á lectura do Testamento e últimas vontades antes de ser queimada aos pés da ponte do Valo. O pasarrúas Lume, de Troula Animación, sumase aos actos.

Merca na rúa

O sábado o Entroido coincidirá coa celebración de Merca na rúa. Como informamos en vigoalminuto, o evento celebrarase o venres 15 e o sábado 16 de marzo. Instalaranse 29 postos de venta na rúa peonil, cunha ampla representación de sectores e produtos. Calzado, óptica, moda infantil e de adulto, mercería a accesorios…serán algún dos artigos que poderás atopar con descontos de ata o 80%. Estarán abertos de 10:00 a 14:00h.

Día do Pai con premios

E falando de compras, non hai que esquecer que os comerciantes do Porriño celebran o Día do Pai sorteando varias tarxetas regalo.

Participar é moi doado: ata o 19 de marzo instalarán photocalls na rúa peonil; no barrio de San Benito e na rúa Antonio Palacios e toda aquela persoa que queira participar na campaña ten que facerse unha foto e subila as súas redes –Instagram e Facebook- etiquetando a CCA Morea.

Entre todos os participantes sortearanse tres tarxetas regalo de 50€ para canxear nos establecementos pertencentes a Morea. Ollo: podes etiquetar tantas fotos como queiras e así terás máis opción. “O sorteo realizarase o día 20 de marzo e anunciaranse os gañadores a través das redes sociais de CCA Morea, ACIPOR”.

También te puede interesar